1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

O “xene” corrupto do rexime español

Roberto Laxe - Publicado: Terça, 01 Março 2016 00:00

“O que é incrible de España, é que cunha clase política tan inepta aínda exista o país” (von Bismarck)


A dimisión de Esperanza Aguirre tras o rexistro da sede do PP de Madrid a pasada semana chegou despois da imputación/investigación de todos os concelleiros populares de Valencia capital, menos á súa “xefa”, Rita Barbera, ben parapetada tras o seu cargo de senadora e as súas cortinas. Na comisión de investigación da Asemblea de Madrid,  a preguntas dun deputado, Aguirre espetou: “dos 500 cargos que nomeei, só dous “saíron ra”. Vaia dous, o “xerente” do PP Madrid e o Secretario Xeral, Granados, xa no cárcere.

A Sra. Aguirre, facendo como fan os políticos españois, individualiza o problema, a “ela” só saíronlle duas “ras”, do resto do PP nin palabra; pero a Sra. Aguirre é dirixente desde hai anos, dun partido no estado español que ten aproximadamente -cando se escribe este articulo- unhas 1000 “ras”. Pero non “ras do montón”, senón xefes: o tres tesoureiros, toda unha comunidade, o PP de Valencia, cualificada polo mesmo xuíz como “organización criminal”, practicamente todos os ministros de Aznar; en todas as comunidades hai casos de corrupción do PP, menos A Rioxa. Non será que esas “ras” individuais, en realidade son a punta dun iceberg de corrupción que atravesa ao PP de arriba abaixo.

De onde vén o PP?

Para moitos o PP é o partido democrático da dereita española xurdido da Transición, que pola vía das eleccións sucedeuse no goberno co PSOE, no que se deu en chamar “o bipartidismo”; concepto ao que, por certo, reduciron interesadamente o de “réxime” para disolver o verdadeiro réxime nunha das súas manifestacións… Pois ben, aínda que algo desta redución sexa certa, hai que aclarar primeiro que o bipartidismo non foi tal cal nolo queren vender; o PP fundouse en 1990, cando o proxecto político que desde a dereita abanderou a Transición, a UCD de Suárez, desaparecera. O PSOE “competiu” primeiro coa UCD e despois co PP.

A UCD construíuse cos sectores do franquismo reformistas, aqueles que eran conscientes de que había que “cambiar todo para non cambiar nada”, e gobernou desde 1977 até o 82. Este ano é o do “cambio” de Felipe González e o PSOE, convenientemente edulcorado no congreso de Suresnes; mentres a UCD agoniza e desaparece. Pola súa banda, o chamado “bunker”, é dicir, a extrema dereita franquista -se dentro do franquismo colle este concepto político- agrúpase ao redor de figuras da ditadura, como Fraga Iribarne e ex ministros de Franco, nun partido minoritario dentro da burguesía, que no 77 só saca 16 deputados, Alianza Popular. Enarboran, fronte á UCD que busca o pacto coa oposición, a “dureza” na defensa dos Principios do Movemento Nacional, é dicir, do franquismo.

En 1982, cando o capital español e europeo ve que é preciso dar o salto da política, remataran as grandes mobilizacións sociais que se deron ao longo da década anterior, á economía, abandonan a UCD e promoven o “cambio” a través do PSOE. Dito doutra forma, o programa do PSOE era trasladar a derrota política do movemento de masas á economía: a derrota política foi a imposición da Constitución Monárquica a base de medo ás ameazas de golpe militar (23F de 1981) e pactos “contra natura” entre o PCE, o PSOE e os reformistas da ditadura (UCD), que supuxo a súa integración no novo réxime; a derrota económica era a reconversión industrial para entrar na CEE (actual Unión Europea).

A década dos 80 foi aquela na que a clase obreira española que loitara contra o franquismo desde os grandes polos industriais, que construíra as CCOO, foi derrotada e desmantelados prácticamente todos os baluartes obreiros: desde a siderurxia até a industria química, desde o naval até a minería; non houbo ningún sector que se librase da reconversión industrial e o desmantelamento, desorganizando á clase que fora o motor da loita antifranquista.

A finais da década, o 14D do 88, a UXT rompe co PSOE e convócase unha folga que será histórica pola capacidade de convocatoria, pero que ao cabo foi o canto do cisne desa clase obreira.

En toda esta década a burguesía española aposta polo PSOE, que se converte “no seu” partido. Pero a burguesía española “castiza” sempre os considerou “advenedizos”, executores do que eles, polo seu pasado franquista non poderían facer (entrada na CEE, na OTAN e reconversión industrial) sen provocar un gran levantamento popular. O PSOE foron os “indivil e Mardonio” da burguesía española dentro da clase obreira.

Pero no fondo o seu partido era outro, eran os restos do franquismo que se ían reagrupando ao redor da Alianza Popular de Fraga. Tras a HG do 14D o PSOE comeza a desfondarse e a desprestixiarse polos seus enfrontamentos coa clase obreira, o GAL e a corrupción, a burguesía ve chegado o momento de retomar os seus vellos proxectos de "contra reforma" do conquistado na Transición, e constitúe o PP. Coa clase obreira derrotada polo PSOE, o País Vasco illado pola política do terrorismo de Estado e a dinámica toleada de ETA, co marco mundial virando cara á dereita e ao neoliberalismo máis salvaxe (restauración do capitalismo e primeira guerra de Iraq), a burguesía ve chegado o momento de recuperar o mango do goberno a través “do seu partido”, o dos franquistas de sempre, o PP.

O PSOE é burgués, o PP é o partido da burguesía “castiza”, franquista

É importante sinalar esta diferenza para entender o verdadeiro carácter do PP… O PSOE é un partido burgués democrático, afectado como todos pola corrupción, que durante a ditadura foi un pequeno partido obreiro ilegal e perseguido. No Congreso de Suresnes dá un xiro de 90%, e o PSOE afástase do “marxismo” para avanzar ao keynesianismo. Trás o 30 Congreso,  a dimisión de González e a súa volta “exitosa” á secretaria xeral, abandónase oficialmente o marxismo e transfórmase nun partido burgués, con votantes obreiros, e un programa keynesiano (burgués) que aos poucos converterá en neoliberal.

O PP é distinto, é un partido sen ideoloxía nin proxecto político. É o partido da burguesía nada á calor da corrupción do franquismo, é o partido da igrexa, da burguesía centralista e “castiza” que vive do aparello do estado como fonte de riqueza, o que une a todos os seus sectores, é a “casa común” do que se deu en chamar “o franquismo sociolóxico” que en ningún momento abandonou a nostalxia da “placidez” da ditadura (Mayor Oreja dixit). É o partido dun réxime, o franquista, que institucionalizou a corrupción como medio de enriquecemento.

Dado que a burguesía española non era capaz de competir coa inglesa, a francesa, a alemá nin tan siquer a italiana, en produtividade do traballo nin en calidade do produto nin en nada (a inexistente “marca España”), o seu único medio de enriquecemento era ser parte do aparello do estado, saquear a riqueza social xerada polos baixos salarios e as infames condicións de traballo a través das subvencións estatais a todos os niveis, desde o máis simple concello até a xefatura do estado, convertendo a corrupción nun mecanismo estrutural de acumulación de riqueza individual a través das “mordidas” para obras e servizos municipais de todos coñecido, o 3% dos políticos cataláns, etc.

As empresas que crecen, salvo excepcións moi concretas, son aquelas que viven do estado, nun proceso que agudizáse tras o desmantelamento industrial dos anos 80. O capital “castizo” é a fracción dominante da burguesía no estado español, e dentro dese capital “castizo” entran de cheo os bancos que viven da venda das súas participacións industriais e as medidas que lles favorecen desde o estado, vía subvenciones, vía exencións de impostos, vía otorgamiento de obras e infraestruturas ás grandes construtoras que controlan: o desenfreo de construción de infraestruturas no Estado Español coa irracional AVE como mascarón de proa, fonte da corrupción actual, é fillo directo deste carácter “sanguixuela” do capital español: o 50 mil millóns de euros que o estado se gastou só serviron para encher as arcas das grandes construtoras, como OHL, ACS, Acciona, etc., etc.

Por dicilo gráficamente: o PP é a inercia no réxime do 78 da corrupción do franquismo.

É posible acabar coa corrupción sen acabar co PP?

É un dito no xornalismo que non se formulen preguntas con resposta obrigada, pero hai ocasións que a pregunta e a resposta ten a mesma formulación. É como preguntar se é posible acabar coa explotación capitalista sen acabar co capitalismo. Con todo esta pregunta ten outro sentido, porque a fracción dominante dentro da burguesía española, a herdeira do franquismo non só ten o PP como “defensor” dos seus intereses.

Na Transición, ante a inexistencia dun partido burgués procedente das entrañas do réxime, baixo os golpes da mobilización obreira e popular, a burguesía tivo que montar un ás carreiras, a mencionada UCD, e tiña que dar a imaxe de que coa morte do Franco, non había baleiro de poder: que todo estaba “atado e ben atado”. Posteriormente, cando as augas volveron á canle tras os anos 80, se reagruparon no PP. Pero durante 14 anos gobernou un partido que se dicía republicano, cunhas tensións nacionais, sobre todo País Vasco daquela, que non cedian, e a clase obreira que ao longo dos 80 seguiu loitando, en ocasións gañando, como cando tras a HG do 14D o goberno vese obrigado a retirar o Plan de Emprego Xuvenil que a provocou.

En todo este período, gobernase a UCD ou gobernase o PSOE, había unhas institucións que garantían que o transito era “sen rupturas”, que se baseaban no “consenso” de todos, que non había “baleiro de poder”; unhas institucións que nacían das entrañas do réxime corrupto do franquismo: o poder xudicial, o exercito e principalmente o rei (Casa Real), como sucede agora coas negociacións para formar goberno, garanten que non hai “baleiro de poder”. Son unhas institucións que non foron elixidas por ninguén, que veñen da mesma matriz que o PP, ao que lle unen multitude de vasos comunicantes sociais, o réxime corrupto do franquismo, do que viñeron intactas.

Por iso é posible falar nun sentido de “bipartidismo”, porque en realidade no estado español desde 1977, baixo o novo réxime da Constitución do 78, gobernaron dous partidos burgueses, ou o neofranquismo baixo as súas diferentes formas (UCD, PP) ou o PSOE. Por este motivo hai que afirmar claramente, non é posible acabar coa corrupción sen acabar co PP, e con el, co réxime do 78 (as institucións que o caracterizan), pois son parte do mesmo problema.

Volvendo ás orixes

O franquismo era a corrupción feita réxime, moitas das fortunas dos capos do réxime fixéronse co “estraperlo” (contrabando); a semiescravitude da clase obreira ou a escravitude directa de miles de presos republicanos cimentaron empresas e capitais. A burguesía facia literalmente o que quería, e contaba con todo o aparello do estado, desde o TOP (Tribunal de Orde Publico, agora coñecido como Audiencia Nacional) até a Brigada Político Social (policía política) para impoñelo.

Na Transición pareceu que isto cambiaba, pero a política da oposición democrática, do PCE e o PSOE, e despois o goberno do PSOE do 82, permitiron que o xene franquista da burguesía española sobrevivise: as políticas baseadas no enriquecemento á conta do aparello do estado. Cando o caldo de cultivo permitiuno, ese xene reactivouse a gran escala, provocando a burbulla que estalou no 2007. Aznar, o seu goberno e a lei de chan foi o primeiro aviso, só freado pola mobilización obreira e popular: pero foi o estalido da crise e os últimos gobernos de ZP e, sobre todo Rajoy, os que nos devolveron aos anos 70.

A impunidade dos corruptos (e os corruptores, que tras todo “político” corrupto hai un empresario corruptor) actuais só é equiparable á impunidade que tiveron baixo o franquismo: ou xa esquecimos dos miles de afectados (800 mortos) polo “aceite de colza”, da desaparición de miles de litros de aceite en Redondela e a morte por “suicidio” no cárcere do único procesado, etc. etc., Mentres, centos de sindicalistas son ameazados con penas de cárcere, hai miles de multados administrativamente por defender o dereito a vivenda, titiriteros detidos por unha obra, … e a Lei Mordaza cae duramente sobre todas aquelas persoas que saen ás rúas a defender os dereitos sociais e políticos da poboación traballadora. Os mesmos xuíces do réxime que tardan anos en encarcerar, se o chegan a facer, a un corrupto -aínda que nunca a un empresario corruptor-, non dubidan nin dous días en enviar a prisión a dúas titiriteros.

O “xene” corrupto sobreviviu nos 70 grazas a unha Lei de Amnistía / Punto Final, que ademais de perdoar os crimes políticos dos franquistas, amnistiaban-se os saqueos, os roubos e a apropiación de propiedades expropiadas aos republicanos, sobre as que moitos falanxistas e demais franquistas construíran as súas fortunas. Esta supervivencia maniféstase no réxime do 78, nas súas institucións fundamentais, das que o PP é a súa cara “publica”; por iso, para acabar coa corrupción é preciso enfrontalo loitando por unha asemblea constituínte que, entre outras medidas, derrogue a Lei de Amnistía / Punto Final, decrete unha amnistía total para todos os sindicalistas, estudantes, titiriteros e persoas que loitan polos dereitos sociais e laborais, e encarcere a todos os políticos e empresarios corruptos, expropiándolles as súas riquezas e propiedades.

Esperanza Aguirre di que son só duas “ras” as corruptas, nós opinamos que é toda a charca a que esta corrompida; e que é necesario baleirala para facer unha nova.

Galiza, 19 de febreiro de 2016-02-22


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.