Se Grecia quere resolver o seu problema da débeda, sen ir ao enfrontamento directo coa UE (a través do non pago), ten un banqueiro ao que recorrer, e ao que recorren cada vez máis estados que teñen conflitos co imperialismo, China. A mesma Rusia recurriu ao seu veciño de oriente; cando comezaron as sancións da UE e os EEUU polo asunto de Ucraína (e poño "asunto" a conciencia), Rusia e China asinaron un acordo para que a primeira fornecese gas á segunda por valor de 400 mil millóns de euros (o 40% da débeda española). Hai poucos días Maduro foise de China con 25 mil millóns debaixo do brazo e un compromiso de investimentos millonarios de quen xa é o seu primeiro socio comercial, China.
É obvio que a vitoria de Syriza non traerá o socialismo, nin a abolición do capitalismo, só a súa "humanización"; pero o que si é certo que tanto interna, polas expectativas sociais que levantan e que a pouco que non cumpra transformaranse en mobilización social, como internacionalmente, está a pór un listón alto a partidos que aspiran a rexenerar a democracia capitalista: Podemos, en coalición ou só, subiría o SMI español, pararía todas as privatizacións, devolvería os traballadores de Canle Nou aos seus postos como a TV grega, etc., etc., é dicir, revogaría todas as medidass do PPSOE dos últimos anos, o primeiro dia de goberno?
Pero tambien é obvio que a vitoria de Syriza trae unha sacudida xeopolítica, que pode cambiar os ritmos dese choque subterraneo que xa se está producindo entre os vellos imperialistas euro norteamericanos e as novas potencias "emerxentes".
Isto, máis mesmo que o seu programa económico, si pode cuestionar a presenza de Grecia na UE, pois rompería totalmente a unidade europea coaligada coa EE UU. Estamos en tempos de grandes cambios, e este é un deles.