Para a tarefa de reconstruír ese proxecto é decisivo facer referencia a que esta contradición xa se viviu, e deu lugar a experiencias que atravesaron a revolución rusa, cubana ou iugoslava; a primeira á calor da NEP, é dicir a reintroducción do mercado no que era unha economía planificada, obrigada pola queda da produción provocada pola guerra civil. Nese debate participaron os principais dirixentes bolxeviques, desde Trotski até Bujarin ou Preobrajenski.
A segunda produciuse nos anos 60, tras o triunfo revolucionario en Cuba, e tivo como grandes protagonistas ao Che, a Mandel e a Bettelheim, ademais de dirixentes da economía cubana. En Iugoslavia, pola súa banda, tentaron resolver esta contradición a través da propriedade obreira e o control obreiro nas empresas, pero que competían entre si e desta forma conservar ao mercado. No seu libro "Contra o mercado" de David McNally responsabilizo a crise e o colapso do modelo de "socialismo de mercado" non ao control obreiro senón todo o contrario, á persistencia do mercado. Así pois:
"Un pode ver algúns destes efectos no caso da economía iugoslava dos 1960s, 1970s e 1980s. Iugoslavia era o estado estalinista que mais seriamente tratou de coordinar os elementos da participación dos traballadores na empresa coa regulación do mercado. E os resultados foron enteiramente consistentes coa análise que presentamos: tendencias inherentes cara ao desemprego (parcialmente aliviado por un tempo pola emigración), inflación, o aumento da desigualdade social, e a concentración e centralización do capital. O caso iugoslavo demonstra que a regulación do mercado impón os seus propios imperativos na empresa respectivamente da súa estrutura de propiedade ou o grao de control obreiro (que no caso iugoslavo era ás veces esaxerado por algúns)".
Para encarar o debate dunha maneira concreta, actual, hai que sinalar que todos eses exemplos, Rusia, Cuba ou Iugoslavia, déronse despois da destrución do capitalismo neses países; con gobernos obreiros no poder e cun terzo da poboación mundial fora do mercado. Pola contra agora a discusión dáse nunhas condicións totalmente opostas, o mundo é capitalista e desde amplos sectores da esquerda levántase a "economía socialista de mercado", como se autocualifica China ou o "socialismo do século XXI" defendido en Venezuela, como a alternativa ao capitalismo, ás súas crises, tentando a cuadratura do circulo.
A economía de mercado
Desde un punto de vista formal o mercado é o lugar, físico ou non, no que se produce o intercambio de mercadorías, virtuais ou non, e dáse a asignación de recursos e de rendas de acordo coas leis da oferta e a demanda; actúa na esfera da distribución de produtos non na súa producción. Para o caso tanto dá que sexa un mercado físico, material, como un virtual, o mercado de valores; a cuestión é o papel que cumpre na economía capitalista.
Para os economistas capitalistas, o mercado tende ao equiilibrio entre a oferta e a demanda, a todo vendedor correspondelle un comprador (competencia perfecta); pero como as crises periódicas do capitalismo -ruptura dese equilibrio- demostraron que iso é simplemente unha utopía, xurdiron teorías e políticas correctoras desa competencia perfecta coa que soñan todos os burgueses.
O marxismo si ve o mercado como o lugar onde se intercambian mercadorías e o papel que lle outorgan os capitalistas de equilibrar a oferta e a demanda; pero o mercado ten outra función fundamental, que a longo prazo é a central; a través dos prezos, é o lugar onde o tempo de traballo socialmente necesario para producir as mercadorías transfórmanse na súa forma monetaria, diñeiro, ao intercambiarse por outras.
Por este motivo, o mercado vive nunha tendencia constante ao desequilibrio. O aumento da produtividade do traballo reduce ese tempo de traballo, favorecendo aos capitais "mellor" investidos - máis rendibles- e presionando á concentración e centralización do capital, expulsando (arruinando) aos peor investidos. Desta maneira, a oferta e a demanda non se desequilibran por motivos alleos ao capitalismo -cobiza, avaricia, especulación,...-, senón por motivos que enraízan na competencia intercapitalista a través da tendencia decreciente da taxa de ganancia. Cada capitalista vai ao mercado como un "lobo para os outros capitalistas", parafraseando a Hobbes, desequilibrando o mercado.
Aínda que a vontade do sistema sexa a do "equilibrio perfecto" que lle permita a reprodución permanente; a realidade da competencia obriga a crear constantemente as condicións para o "desequilibrio", é dicir, as crises e as súas consecuencias para a poboación de desemprego e inflación. Desta maneira, o mercado convértese non o estabilizador do sistema, senón no seu contrario, o lugar onde os capitalistas enfróntanse uns con outros.
Neste sentido é importante sinalar que aínda que mercado existiu ao longo da historia, desde que a sociedade dividiuse en clases sociais e foi preciso o intercambio de produtos por unha medida de valor; é só no capitalismo onde esa institución transfórmase no núcleo central da acumulación de capital.
No esclavismo e no feudalismo, a riqueza acumulábase sobre a base da conquista militar, do saqueo doutros territorios e dos impostos, sendo o comercio, o mercado, unha maneira marxinal de enriquecerse. Era manu militari a forma de acumular riqueza; pola contra, é baixo o capitalismo cando o mercado convértese no motor da acumulación de capital. Dito doutra maneira, non se concibe capitalismo sen mercado. O capitalismo é a economía de mercado.
Economía planificada
Se a economía de mercado basea a asignación de recursos -eufemismo que encobre o futuro dunha aventura empresarial- nunhas leis supostamente obxectivas, as curvas de oferta e demanda, na que a vontade do ser humano é "libre" para comprar ou vender o que queira, a planificación baséase xusto no principio oposto; a asignación de recursos, o futuro e a estabilidade do sistema non pode estar en mans dunhas leis obxectivas, senón baixo control directo da sociedade.
A planificación introduce a conciencia na economía. Os que defenden a economía de mercado non explican que é a selva onde o "home actúa como lobo para outro home" a que determina os acontecementos; e si, tamén actúa a conciencia, a vontade, do ser humano só que controlada por forzas alleas como son as leis de oferta e demanda. O mecanismo do mercado é absolutamente automático e aleatorio, impredicible. Un capitalista pon en circulación unha mercadoría, lévaa ao mercado, en competencia con outros, a uns compradores e estes, supondo que actúen libremente, son os que deciden o futuro desa aventura, non baixo criterios sociais, senón de rendibilidade económica.
O capitalista fixo unha aposta na que entran non só o seu capital, a maquinaria que adquirise, senón tamén incorporou forza de traballo, é dicir, outros seres humanos, aos que implicou nesa aventura. A vontade dun individuo, implica a doutros individuos... que han ir a outro mercado, o do traballo, compelidos pola necesidade. A historia esta chea de leis de vagos e maleantes que obrigaban (e obrigan) aos pobres a entrar "libremente" na aventura dun individuo agora chamado "emprendedor". Poida que a aventura salga ben, pero na inmensa maioría dos casos sae mal, e o final é de todos coñecido, a ruína para o "emprendedor", o paro e a miseria para as súas "colaboradores".
Esta é a tremenda inmoralidade do capitalismo. As palabras como leis de mercado, liberdade individual, carácter emprendedor, asignación de recursos,... son eufemismos que esconden a realidade de que todo iso esta en función dos beneficios empresariais individuais. Son estes os que determinan, de últimas, a viabilidade de todo o proxecto social.
A planificación da economía dá a volta ao funcionamento social. A asignación de recursos non dependen do criterio da rendibilidade, senón da necesidade; non se basea na maior ou menor produtividade do traballo -aínda que no socialismo esta superase cualitativamente á do sistema capitalista, ao liberarse das ataduras do interes individual de cada capitalista particular-, senón na resolución de problemas sociais. Por iso, a planificación da economía é un salto de calidade na conciencia social, posto que a pon diante das súas contradicións e obrígaa a tomar decisións colectivas.
Planificación democrática e internacional
Cando Lenin falaba de que o Imperialismo abría a transición ao socialismo dicíao, evidentemente, porque as grandes multinacionais, a tendencia ao monopolio pola concentración e centralización do capital, introducen a planificación da economía en dous sentidos, un, a concentración e centralización do capital fai que o mercado "libre" sexa substituído polos monopolios e os oligopolios, dous, no mesmo funcionamento interno das empresas. O problema estriba en que esta "planificación" está ao servizo da rendibilidade, de derrotar na competencia no mercado mundial aos outros capitais.
Unha multinacional, no seu interior, utiliza os criterios da planificación da economía e mesmo o trueque. As diferentes seccións da multinacional non se venden entre eles as partes do produto, senón que o intercambian sen levalo ao mercado; desde o centro da multinacional planifícanse os obxectivos e asígnanse recursos ás distintas ramas da empresa.
Unha multinacional senta as bases da planificación; pero ao actuar no marco do mercado mundial, todas as súas medidas de planificación chocan coa súa irracionalidad. Esta é a contradición que o capitalismo na súa fase imperialista é incapaz de resolver, que só a revolución socialista poderá facelo Para iso hai que introducir na planificación dous conceptos que escapan por completo ás estruturas capitalistas, un, o carácter democrático, dous, o aspecto internacional.
Os críticos da planificación na asignación de recursos din que non hai "criterios" obxectivos que permitan facelo, mentres que o mercado coas súas leis, a longo prazo, e se funciona correctamente, si o fai porque tende ao equilibrio entre o vendedor e o comprador (este é o discurso actual de que non nos preocupemos, o sistema se autorregula e sairemos desta a pouco que o deixemos funcionar). Desgraciadamente, a realidade demostra que hai crise dun calado tal que esa "autorregulación" ten outro nome: guerra e destrución,... tras as cales o sistema pode retomar o camiño do equilibrio. Pero polo camiño quedaron millóns de seres humanos e a devastación de nacións enteiras; é o que algúns, hipócritamente, chamaron a "destrución creativa".
A irracionalidad do mercado á hora de asignar recursos esta na base desta tendencia á barbarie nas relacións capitalistas, por iso a planificación, ao introducir a consciencia nesas determinacións, é cualitativamente superior. Pero para evitar que esta planificación sexa unha repetición do burocratismo dos estados chamados "socialistas", ou só sirva para adoptar medidas correctoras respecto dos excesos do mercado, mantendo as bases da súa irracionalidad natural, ten que darse dúas condicións
Unha, a asignación de recursos que o mercado fai de maneira autoritaria, sobre a base da rendibilidade económica, na planificación ten que partir das necesidades sociais e, polo tanto, da decisión democrática da sociedade. O mercado asigna recursos a posteriori, cando decide quen é rendible e quen non (por iso é irracional) baixo a maior ou menor produtividade; por contra a planificación democrática é apriorística, a poboación a través das súas autoorganización e democraticamente, decide cales son os recursos, onde se vai a pór o acento do desenvolvemento, etc. É máis lento, sen dúbida, pero máis racional, esta claro.
Dous, para que a planificación non teña ningunha interferencia, debe ter un carácter internacional. Mentres exista mercado mundial a determinación dos prezos terá a lei de valor como criterio de produtividade, e a competencia interferirán sobre a produción e distribución de bens, mesmo sobre aqueles estados que expropiasen á burguesía, adoptasen medidas de control de comercio exterior e criterios de planificación da economía. Ningún país é autosuficiente, dado que inevitablemente ten que acudir ao mercado mundial, así sexa a pequena escala, este inflúe sobre as estruturas non capitalistas, corroiéndoas como o acido.
O carácter burocrático que adquiriron os estados que expropiaran aos capitalistas e o seu illamento nacional, xustificado pola teoria do Socialismo nun só país, conduciron ao seu implosión. Ao abandonar a base democrática da planificación e o caracter internacional do socialismo sentaron as bases para a restauración do capitalismo.
A planificación e o mercado na transición ao socialismo
A utopia do paso directo do capitalismo ao "non estado" é iso, unha utopia, posto que a revolución non se producirá ao mesmo tempo en todos os lugares. O desenvolvemento desigual e combinado provoca que os saltos na historia non teñan un carácter mecánico, uniforme, onde todos os seres humanos dean o paso do capitalismo ao socialismo ao unísono.
A realidade é moito máis complexa, as estruturas económicas, políticas e ideolóxicas enraízan de maneira distinta nos seres humanos. As máis evidentes, as económicas e as políticas son máis fáciles de detectar e de suprimir. As ideolóxicas, por contra, aparecen como parte da natureza humana, non adquiridas por séculos de división de clases; e non son tan fáciles de detectar e, por tanto, de superar.
O tránsito dunha sociedade de clases a unha sen clases é un longo camiño que interrelaciona as tres transformacións. Loxicamente o primeiro paso é varrer as estruturas económicas sobre as que se sustentan todas as demais. Pois ben, mesmo estas non caen por terra ao mesmo momento: cada estado, cada nación, cada formación social concreta ten os seus propios ritmos de desenvolvemento e todas se unifican no mercado mundial. A ruptura desta cadea nos seus elos máis débiles non provoca a súa desaparición, como moito o seu enfraquecemento, por iso durante todo un longo período de tempo vaise a producir unha combinación de realidades, unha transición.
Acabar coa irracionalidad do mercado só será posible cando desapareza o mercado mundial, antes toda medida de planificación manterá, así sexa dunha maneira secundaria, elementos do propio mercado. A cuestión é sobre que columna se constrúe esa sociedade en transición, e a esa columna chámaselle expropiación da burguesia e construccion dun Estado Obreiro baixo outras bases estruturais distintas, que se verá compelido a adoptar medidas correctoras da influencia do mercado mundial, ate que este non desparezca coa revolución socialista mundial.
Non existe unha relación absoluta de medidas, posto que a realidade é moito máis rica que calquera esquema apriorístico; pero pola experiencia histórica das revolucións que nos precederon, o criterio baséase en preservar o carácter planificado e consciente dos pasos que se dean, limitando na medida das posibilidades a influencia corrosiva das leis do mercado e a acumulación de capital en mans privadas.
As medidas de transición, que supoñen a existencia dun estado que as defenda, son fundamentalmente o monopolio do comercio exterior, a nacionalización dos medios de produccion e financeiros, a ndustria e a terra, baixo control obreiro e popular e a existencia de órganos de planificación central da economía. Todo iso a partir da decisión democrática da poboación traballadora.
Son medidas de transición, posto que a medida que a revolución se estenda e abarque a cada vez máis países, a planificación democrática da economía tomase preeminencia sobre o mercado mundial facendo posible o que Marx definise como comunismo, o paso do "goberno das persoas á administración das cousas".
Mentres que para a asignación dos recursos, é dicir, a distribución dos produtos e das rendas haxa que acudir a un instrumento aleatorio e impredicible como é o mercado, será preciso o goberno das persoas, é dicir, do estado para pór orde nesa distribución a través do goberno das persoas (a policía); só cando esa orde este preestablecido a través da planificación, non será preciso; a sociedade autoorganizada o que terá que facer é "administrar" as cousas froito do seu traballo.
Por todo iso, mesturar "mercado" con "socialismo", sen establecer esa columna vertebral fundamental que é a expropiación da burguesia e a instauración dun estado obreiro é tentar xuntar auga con aceite... rexéitanse en todos os aspectos, desde o máis simple e estrutural até o máis complexo e ideoloxico. Non se sostén desde ningún punto de vista salvo, desde o aspecto máis político de evitar que a clase traballadora reconstrúa un programa economico e social independente dos esquemas burgueses.
É evidente que moitos sectores sociais, golpeados pola crise do capitalismo, pero na inercia do apoxeo do neoliberalismo dos 90, teñen que dar moitos pasos no camiño da reconstrución dese programa independente. É unha das tarefas fundamentais do marxismo revolucionario, nesta fase da loita de clases de reorganización e reconstrución do programa, delimitar as ferramentas conceptuais que van permitir cumprila.
Galiza, 20 de decembro de 2013