1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

A privatización das caixas, unha saída da crise

Roberto Laxe - Publicado: Terça, 08 Junho 2010 02:00

Roberto Laxe

O mundo das caixas de aforros no estado español esta convulso, vivindo un profundo proceso de reestruturación, con fusións entre entidades, intervencións estatais sobre aquelas nas que a crise se cebou (Caixa Castela a Mancha, Caixa Sur), plans de viabilidade e pelexas internas polo poder, como se deu en Caixa Madrid o pasado ano. O Banco de España anunciou que só poden quedar unha ducia de Caixas, cando hoxe existen 41.


Neste ambiente volátil e complexo é que hai que entender a fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, que durante máis de medio ano supuxo unha "historia para non durmir", con enfrontamentos locais, manifestacións na rúa e rozamentos entre políticos do mesmo partido (o PSOE). Ao final, parece que hai acordo para impulsar unha nova Caixa en Galicia, e xa todos contentos....

Pero todos non... Porque agora, ademais dos flocos sobre as sedes operativas e as sociais, o que se vai a negociar é a nai do cordeiro, o persoal que vai resultar da fusión.

A reestruturación do sistema bancario e financeiro español

Nos 80 produciuse a reestruturación da banca privada, coa concentración das chamadas "7 irmás", que deu orixe ao tres grandes grupos actualmente existentes. Da fusión entre o Banco Santander, o Central e o Hispano, que logo se comeron ao Banesto, xurdiu o grupo bancario máis grande do Estado Español, o BSCH. Da confluencia entre o Banco Bilbao, o Biscaia e o Banco Exterior/Argentaria (que era un banco estatal, privatizado nos 90) saíu o BBVA. O terceiro gran grupo é o ligado ao OPUS, o Banco Popular Español.

A porta que abriu esa reestruturación foi a derrota da folga dos bancarios a mediados dos 80 contra a liberalización da xornada laboral. A traizón de CCOO, asinando o convenio coa patronal de madrugada, cando os piquetes aínda estaban a pechar oficinas, permitiu os procesos antes descritos.

Neste sentido o proceso é distinto, pois a reestruturación se cimento sobre a base dunha derrota previa dos traballadores e as traballadoras. Existe ademais, outra diferenza. Os bancos eran privados, non institucións públicas como as caixas, onde hai un peso importante das Comunidades Autonomas, concellos e mesmo sindicatos. Pero o obxectivo é o mesmo, "racionalizar" o sistema financeiro para enfrontar a crise; daquela a crise dos 70 -a mal chamada do "petróleo"-, agora a que provocou o estalido da burbulla inmobiliaria.

Porque non o esquezamos, o diñeiro que ten que fluír para que o sistema funcione está en mans do sistema financeiro, sexan bancos privados sexan institucións públicas. Por iso, a pelexa polo control e polas fusións das caixas é un asunto estratéxico para a burguesía española: practicamente o 50% do aforro do pobo traballador español está en mans das caixas.

E é moito diñeiro para deixalo en mans de políticos e institucións; por iso, iniciouse un profundo proceso de reestruturación que vai atopar o seu marco na lei acordada entre ZP e Rajoy para "despolitizar" as caixas, é dicer, para desde o control dos "técnicos", estas ábranse ao investimento privado, á súa venda por accións.

Da bancarización á privatización

As Caixas de Aforro españolas, aínda sendo institucións públicas "sen ánimo de lucro", están tremendamente bancarizadas, nun proceso que comezou cando nos 80 permitíuselles abrir oficinas fóra dos seus ámbitos de influencia; despois, coas fusións dos 80 e 90, que reduciu o seu numero (no caso galego de seis ou sete caixas só quedaron as dous actuais), e cando no 94 comezaron a entrar no negocio da banca privada a través da compra de accións de bancos pequenos (e non tan pequenos como o Banco Pastor), até converterse, nalgúns casos, en accionistas maioritarios: o Banco Etcheverria/Caixa Galicia, o Banco Galego/Caixanova. Un proceso non alleo ao resto do estado: case todas as caixas teñen a súa "marca" na banca comercial.

A bancarización non só fíxose dunha maneira indirecta, como a descrita, senón que tamén o fixeron de maneira directa, entrando en competencia coa banca comercial, con produtos financeiros similares e captando préstamos e créditos.

Pero isto pon ás caixas en condicións de debilidade fronte aos seus competidores privados, pois ao carecer dun capital social que apoie as súas actividades de risco en épocas de crises, a súa estabilidade financeira depende da captación de recursos, préstamos e créditos á conta do que sexa. Ademais, ao estar ligadas a unha "clase política" municipal e autonomica profundamente imbricada na burbulla inmobiliaria, as caixas de aforro convertéronse, tamén, nunha fonte de financiamento das "aventuras" especulativas que están hoxe en crises e estaas arrastrando en moitas ocasións á intervención do estado.

Esta implicación nestas "aventuras" permiten toda a demagoxia dos sectores da burguesía que buscan facerse co "botin" das caixas, sobre a superioridade do privado sobre o publíco: os "políticos" son acusados de manirrotos, coma se os construtores e inmobiliarias fosen unhas hermanitas da Caridade.

No camiño da reestruturación: o FROB

O goberno, para facilitar unha saída "digna" para moitos dirixentes de caixas corruptos, para concentrar as mesmas e, sobre todo, para sentar as bases da súa privatización aprobou o ano pasado o FROB (Fondo para a Reordenacion Ordenada Bancaria) para con diñeiro público - inicialmente 9 mil millóns de euros-, engrasar ese proceso de reestruturación e unificación; sexa sobre a base que sexa. Tanto dá que se inter territorial como interna a cada comunidade, iso déixano á vontade dos políticos e empresarios da zona. O Banco de España, e o goberno, ao que realmente apreman é a concentrar e fundamentalmente "racionalizar", como din eles, os cadros de persoal.

Os plans laborais de viabilidade fanse en función dun dobre criterio, que nada teñen que ver cos principios orixinais das caixas de aforro (os establecidos no século XVIII de favorecer o aforro das clases traballadoras, para garantir uns ingresos dignos, seguros de vellez, etc.), un, preparalas para ser vendidas a anacos - para iso preparan a lei de caixas, a través da cal van dar entrada á posibilidade de véndaa de accións coma se dunha sociedade mercantil calquera se trate-, e a súa posterior privatización, dúas, que para iso os cadros de persoal deben estar axustadas ás necesidades dos futuros compradores, a banca comercial privada; e estes non compran empresas con persoais "sobredimensionadas".

Para iso, o goberno, a través do FROB, vai pór o diñeiro necesario para que este axuste e reestruturación prodúzase coas menores tensións sociais posibles, favorecendo as prexubilacións e as baixas incentivadas, nunha actitude cando menos paradoxal, posto que na reforma laboral están a negociar xusto o contrario, a proibición das prexubilacións e o atraso da idade de xubilación.

A consecuencia fundamental: a perdida de postos de traballo

Disto é do que se trata cando se abre un proceso de fusión como o de Caixa Galicia e Caixanova, como o de Caixa España e Caixa Douro en Castela Leon, ou o que sexa. Mais alá de discusións localistas sobre onde se vai a situar a sede operativa ou a sede social, as consecuencias da concentración son fundamentalmente a destrución de miles de postos de traballo directos e indirectos.

Os directos, porque se escondan tras prexubilacións ou baixas incentivadas, o que é evidente é que eses postos de traballo desaparecen, posto que non se establece nin esta en a negociación algo que se esta, mesmo, no Estatuto dos Traballadores, un contrato de substitución que supoña a substitución por mozas nas mesmas condicións que os que se van.

Pero tamén supón a destrución de postos indirectos: subcontratas de limpeza, de seguridade (os antigos conserxes), de subministracións, etc. Os negociadores da patronal, das caixas, fan estas contas: non son só o mil ou dous mil directos, senón tamén os indirectos, os que van a "racionalizar". E isto só pódese responder desde a unidade de todos contra uns plans que afectan a todos.

Neste sentido é moi progresivo o punto 9 do comunicado conxunto das Seccións Sindicais de Caixanova e Caixa Galicia, reivindicando o compromiso co mantemento das condicións laborais de todas as persoas que traballan en empresas vinculadas a ambas as Caixas, algo que non sucede, por exemplo, no Plan de Viabilidade acordado en Castela Leon, onde se desentienden de todas aquelas que non sexan ao 100% das caixas.

Pero, e esta é outra falacia do Banco de España, do goberno e a patronal: porqué hai que pechar unha oficina que esta enfronte doutra, se cando eran empresas separadas, as dúas daban beneficios. O único que sucederá, se se admite esa lóxica, é que o persoal resultante ollaría como o seu traballo multiplícase por dous, pois terá de atender nunha oficina o que antes se atendía en dúas.

Por isto, entrar no debate de que ten que haber recortes de persoal, é aceptar o mecanismo do mercadeo dos postos de traballo e nestas condicións a batalla esta perda: a lóxica do capital é sempre a mesma, para ser rendibles hai que reducir persoal. Se nunha empresa privada esta lóxica é máis que discutible, nunha institución que se supón ?sen ánimo de lucro? é inadmisible: a rendibilidade dunha Caixa de Aforros débese medir pola súa obra social, polos seus servizos, non pola repartición de dividendos.

Hai unha outra alternativa

O drama da situación é que as mesmas direccións sindicais están imbuídas desa lóxica da "rendibilidade" capitalista, e por iso mesmo encaran a batalla con conciencia de derrota. Fronte a esta lóxica, hai outra alternativa, que pasa, primeiro, por non admitir nin un só recorte de persoal, é dicir, polo mantemento de todos os postos de traballo.

Os sindicatos deberían ter como centro explicar que tras o plan de viabilidade escóndese a privatización das Caixas (o soño dourado dos Botin e cia), e que isto supón un retroceso de anos nas conquistas dos traballadores e traballadoras en salarios, xornada e dereitos sociais.

Isto supón que a resposta á pregunta formulada por un economista, de que a xestión privada das caixas sería mellor que a publica debido ao sistema de incentivos que se deriva da existencia de propietarios?, É un ROTUNDO NON. Significa explicar aos traballadores e traballadoras que o sistema de incentivos dos propietarios non ten como base a resolución de necesidades sociais, senón a da repartición de beneficios, e como din os bombeiros nas súas mobilizacións "publico é servizo, privado é beneficio".

Para construír esta alternativa os sindicatos deberían romper coa vella táctica do "divide e vencerás". Mentres "eles", a patronal, coordinan as súas accións; desde a Confederacion Española de Caixas de Aforro (o seu novo presidente xa anuncio a súa intención de avanzar a privatización das caixas) até o Banco de España, pasando polo goberno, achegando diñeiro, técnicos e tertulianos ao seu proxecto, os traballadores e traballadoras negocian parcialmente con cada entidade nunha nova versión do "sálvese quen poida".

Neste sentido, hai que avanzar en plans de asembleas e mobilizacións, antes do 14 de xuño, data de presentación de borradores dos Plans de Viabilidade das caixas en fusión, culminando nunha xornada de loita de todas as caixas afectadas (as galegas e as non galegas), para esixir do Banco de España o mantemento de todos os postos de traballo e o compromiso escrito, por lei, que garanta o carácter público das Caixas de Aforro.

Para que as Caixas cumpran os seus fins sociais hai que sacar dos seus consellos aos políticos corruptos e aos empresarios e banqueiros que, coa súa lóxica do beneficio privado, son a orixe da corrupción, e pór baixo control da clase traballadores a través das organizacións sociais, sindicais e asociacións veciñais.

A privatización das Caixas de Aforro ou o que algúns entenden por "refundar" o capitalismo

O pasado ano, cando os gobernos das potencias imperialistas e as potencias "emerxentes", viron que o sistema financeiro mundial estaba ao bordo do precipicio, lanzáronse ao resgate con nacionalizacións encubertas de bancos (Lehmann Brothers, North Rock Scotland) en países tan "liberais" como a EE UU ou Gran Bretaña, e cando no resto do mundo lanzar unha operación "humanitária" de resgate dos "pobres" bancos e banqueiros, afundidos baixo o peso da súa propia crise; pois ben, cando sucedeu todo isto, desde Sarkozy até Brown, desde Obama até ZP, todos lanzaron consígnaa de "refundar o capitalismo" baixo outras paradigmas: control do desenfreo das entidades financeiras, control dos mercados, nacionalización se era preciso de institucións financeiras, etc.

Non pasou un ano desde aquel "aquelarre" refudandor, a conferencia de Londres, e as augas volveron á súa canle: o peor da crise, para eles, parece pasar, a situación, polo menos no que fai ás grandes potencias como os USA, Alemaña, Francia ou Japon, esta máis ou menos controlada (a expensas de sorpresas desagradables como a grega), agora toca prepararse para a saída da crise, para iniciar un novo proceso de acumulación de capital, interrompido abruptamente polo estalido das subprime e de todas as burbullas especulativas que, case mes a mes, sucédense desde hai dous anos (especulación co euro, cos déficits e as débedas dos estados, cos produtos agroalimentarios, co petróleo, etc.).

A produción industrial, base da riqueza no sistema capitalista, precisa do diñeiro par volver crecer de novo, diñeiro que hoxe este oculto en paraísos fiscais, en mans de institucións estatais, ou pululando nas bolsas ao servizo do que hoxe é rendible, a especulación pola especulación (D-D´). Este é o eixo que explica a obsesion actual dos economistas co deficit, xa non se trata de refundar o capitalismo, pois a estes sres impórtalles un comiño que un estado se afunda baixo o peso do déficit, a cuestión é transferir de novo diñeiro das rendas salariais ao capital - non só a súa extracción directa por via da explotación da clase obreira-, e para iso hai que reducir salarios, servizos sociais, etc., de maneira que o Estado teña de novo diñeiro contante e sonante para financiar a recuperación de empresas e bancos.

Para a recuperación deste proceso, sobre a base dunha taxa de ganancia que recupere o seu atractivo para os investidores, non só é preciso que o diñeiro saque a cabeza dos seus buracos e volva aceitar o proceso produtivo, senón tamén hai que incorporar novos sectores á produción de mercadorías. A crise ten a súa raíz en que sectores tradicionais da produción de mercadorías chegaron ou ao seu teito como xeradores de plusvalía (construción, automóbil) ou están a atopar a súa limite nas súas fontes de materias primas (petróleo); o capital, para recomenzar o proceso de acumulación de capital e recuperar a taxa de ganancia necesita de novos sectores produtivos, cunha taxa de explotación suficientemente atractiva, que recupere a de ganancias. De aquí as orxías privatizadoras de todos os gobernos do mundo na sanidade, a terra, a auga, o aire (enerxía eólica), etc., etc.

O terceiro aspecto para esta recuperación, e o máis importante, é o aumento da taxa de plusvalía que se lle extrae á clase traballadora, aumentando a produtividade do traballo asalariado, xa polo aumento dos ritmos de produción xa pola redución pura e simple das condicións de traballo (salarios, aumento da xornada).

E as caixas de Aforro cumpren o tres requisitos para que este proceso se de: captan unha parte decisiva do aforro das familias e as pequenas empresas, son institucións publicas que até agora escapan ao mercado e a redución dos seus persoais permitiría aos grandes bancos facerse, dunha maneira rendible, cunha cota importante do mercado financeiro. Para que queremos máis?

Galiza, 8 de maio de 2010


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.