1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

Para enfrontar ao réxime e a UE: do social ao político

Roberto Laxe - Publicado: Quinta, 10 Janeiro 2013 23:46

Ao longo do 2012 a poboación traballadora de todo o Estado Español loitou moito, e o goberno ainda que socialmente illado, segue sen dar sinais de esgotamento porque conta co apoio total da banca e os grandes empresarios así como da UE, co xefe do estado do regimen do 78 tras de si. Isto é o que ten nunha situación de estupefaccion á poblacion, que é o que temos que facer para frea-los? É a pregunta do millón.


As perspectivas

É evidente que a crise econômica vai se a manter, as medidas dos gobernos e da Unión Europea non poden ir ao centro do problema do sistema, que o ten atenazado desde os anos 70, a caída da taxa de ganância, porque terian que remover todas as estruturas produtivas nas que se apoiou o desenvolvimento do capitalismo desde o fin da Segunda Guerra Mundial, a base industrial baseada no petróleo e todos os seus derivados, e a hexemonia da EE UU nas relacións internacionais.

Para sair desta crise teñen que explodir todas estas bases estruturais isto ten un nome, guerra ou revolución. Cando comezou a crise, ali polo 2007, todos foron a estudar o unico precedente semellante, a do 29; e todos sabemos como resolveron esa crise, coa II Guerra Mundial, pero tamen coa expropiación da burguesia nun terzo da humanidade (ademais da URSS, sumáronse China, o Leste Europeo, Cuba, etc.) Guerra e revolución.

O ano 2012, que terminou demonstra os limítes que teñen para saír da crise; todos falan xa dunha nova fase recesiva a nivel mundial, con Europa, EE UU e Xapon (o tres grandes poderes imperialistas) no centro do problema.

A Unión Europea forzada pola integracion comercial intereuropea, timidamente dá pasos cara a unha maior unidade economica, pero segue atada á existencia dos “mercados nacionais”, e aos intereses dos capitalistas e banqueiros de cada um fronte os outros. É un quero e non podo, estan unidos entre eles por unha dobre necesidade, primeiro contra os seus competidores a nível internacional polo mercado mundial (EE UU, Xapon,... China, Rusia, etc.), e segundo, mas derivado do anterior, contra as clases traballadoras e os pobos nos plans de austeridade e axuste contra todos os europeos/as, como única maneira que teñen de recuperar a competitividade fronte a aqueles.

O Goberno Español e a Xunta, como parte dese armazón institucional que é a Unión Europea, non van parar de atacar os direitos, as conquistas,... ao servizo da gran banca e das multinacionais, con dous grandes eixos, uno o pago da débeda criada no resgate da banca e as industrias a conta da privatización dos servizos públicos, o aumento dos impostos indiretos,..., dous, o aumento da explotación da clase traballadora coa aplicación sistemática da reforma laboral coa ultractividade dos convenios, que significa retrotraer as condicións laborais aos anos 60, ás Ordenanzas Laborais franquistas.

Son dúas patas con igual obxectivo, recuperar os benefícios da banca, das aseguradoras, abrir un novo sector produtivo tras o desastre do ladrillo, pasando a saúde e a educacion do estado a mans privadas, en fin desmontar os direitos laborais da clase traballadora e os sociais do pobo.

A resposta da clase traballadora e o pobo foi até agora illada - máis aló das dúas folgas xerais-, sectorial, cada quen defendendo o “seu”, sen ter unha perspectiva de conxunto, ou o que é igual, sen dar o salto á politica. Estamos nun momento histórico no que a defensa do “meu” non chega como pretenden as cupulas sindicais, co apoio das forzas politicas institucionais; pois non hai nada que negociar.

A perspectiva é unha disxuntiva, ou a poblacion dá o salto á politica con “P”, e comeza a levantar unha alternativa social ao capitalismo, dándolle un caracter politico á loita social, ou imos a un retroceso de anos e á despolitización total da sociedade. Non há termo medio.

A contradicción central

Somos conscientes de que as falsas conciencias que están na mente da clase traballadora e o pobo, incluídos nós, lévalles maioritariamente á confianza nas organizacións institucionais, aínda que sexa con criticas e polo negativa - apoio ao PSOE, BNG ou AGE porque fronte ao PP non hai outra cousa; vou á folga xeral a pesar dos Toxos e os Mendez-.

Isto é expresión da contradiccion central dos tempos que nos tocaron viver, a maioria da población traballadora, a pesar de loitar cada vez máis, ten confianza nos mecanismos da democracia burguesa, o voto e a folga xeral, e non ten consciência clara de que hoxe só hai unha via, a loita politica por botar aos partidos e as institucións estatais nas que se apoian, e tomar o destino nas súas mans - a autoorganizacion que prenunciou o 15M-, para reorganizar a sociedade baixo outros criterios econômicos, sociais e políticos.

Nin experiencias supostamente radicais como AGE rompen co institucionalismo, o seu parlamentarismo non se separa en nada do parlamentarismo das forzas institucionais, pois igualmente encamiñan a solución dos problemas sociais a través da institución: como din eles mesmos, son a “voz” da sociedade no parlamento, a “ponte” para encamiñar as reivindicacións sociais cara a esa institución. Isto é caer, de novo, na confianza no parlamentarismo burgués. Para nós, a actuación no parlamento só ten sentido se se utiliza para chamar á poblacion a loitar contra ese parlamento e polo seu autoorganización. Non somos a voz de ninguén.

Esta autoorganización da población que prenunciou o 15M é a idea a desenvolver, e establece xa unhas propostas de loita e actuación que rompen con todas as forzas institucionais da esquerda. Ao pór a asemblea e a decisión colectiva, unitaria e por cima das siglas, como mecanismo fundamental para organizarse, sitúannos fronte ás convocatorias burocráticas, desde arriba, ás que nos teñen afeitos as forzas institucionais.

Que a maioria do 15M retrocedese a propostas políticas previa ao propio 15M, aínda que adornados cun radicalismo verbal moi mediatico (Beiras e AGE), non quere dicer que non se avanzou. A loita dos traballadores/as da saúde madrileña, con asembleas e manifestacións constantes, e o apoio da sociedade, fan parte deste salto na loita que significou o 15M.

E aquí achamos a contradicción concreta no estado español: desde o 15M até hoxe, a clase traballadora e o pobo loitou duro e forte - expresado no aumento da represión nas cargas policiais e as detencións arbitrárias-, desde folgas xerais estatais e nacionais até folgas parciais, grandiosas manifestacións, ocupacion de hospitais e rúas (as acampadas), asaltos a sedes bancarias e supermercados, etc... De feito a imaxe que domina o Estado Español é un Parlamento, na Carreira de San Jeronimo de Madrid, militarizado, rodeado permanentemente de policias e valos. A “democracia rodeada”

A pesar disto, o goberno segue “veña e dálle” cos seus plans de empobrecimento xeral da sociedade para transvasar a riqueza roubada á clase traballadora e o pobo aos bancos e os grandes empresarios, nun saqueo puro e duro da poblacion traballadora, dos seus dereitos e conquistas sociais.

O futuro: o salto do social ao politico

Pasar do “social” ao “político” significa facer consciente o que se defende nas mobilizacións a través dun proxecto político que supere o atual sistema, unha maneira de organizar a sociedade que enfronte o actual proxecto expresado nas institucións de dominación para manter a explotación e a opresión. Cada sociedade estrutúrase de acordo coa maneira de producir bens e servizos, e maniféstase nunha organización social concreta. A Constitucion do 78 expresou unha sociedade que viña dunha derrota na Guerra Civil e 40 anos de brutal ditadura (a que ten máis desaparecidos no seu haber tras a de Cambodia),l e a correlación de forzas entre franquistas (o PP), a clase traballadora (o PSOE e o PCE) e os capitalistas vascos e cataláns.

A frase xa tópico de que o PP queira facernos retroceder 50 anos non é retórica, é real en todos os campos sociais. A crise econômica deu paso a unha crise social e política que non se resolve cun novo pacto econômico, como pretenden as cúpulas sindicais, senón a través dunha nova proposta de organizar a sociedade, ou o que é o mesmo, dunhas propostas políticas.

A base social deste rexime, a chamada “clase media” española, á que estan empobrecendo a golpe de austeridade, era a base social do PSOE. Pero non nos criamos a propaganda e os termos asépticos da socioloxia burguesa, o termo “clase media” esconde o ataque á clase traballadora/asalariada española, composta por 17 millóns de persoas que viven do seu salario, máis uns 2 millóns de autônomos que en termos sociais, aínda que non econômicos, son equiparables á clase asalariada. O desclasamento da sociedade, fomentado polo PSOE e a izqueirda institucional, alimenta a incapacidade para levantar un proxecto social alternativo: se eu son “clase media” e voteilles, porqué van conta min? Moi sinxelo, porque non es clase media -nin os pilotos de Iberia, nin os médicos do Sergas nin os controladores aéreos-, sodes clase asalariada, e os beneficios empresariais estan en función dos teus salarios e da produtividade que xeras co teu traballo, como os de calquera proletario de toda a vida (a proletarizacion das “clases medias” chamoulle xa hai anos Carlos Marx).

A crise do PSOE é a crise desta base social e a perdida do referente politico que lle mantenia ligado á Transición do 78, nun agradable mundo tranquilo e despolitizado. A Constitución do 78 definía ao estado español como un “estado social de mercado”. É obvio que a reforma constitucional para o pago da débeda pactada por Rajoy e ZP mudo a esencia desta definición, caendo dela a súa suspuesto caracter “social”; a poblacion baixou abruptamente da nube de tranquilidade na que vivía, e o cuestionamiento social da Constitución do 78 só é cousa de tempo.

A crise desta base social tamen golpea nas nacións, sendo Cataluña o pico mais agudo. Até agora a poblacion catalá estaba relativamente satisfeita coa repartición pactada na Transición. Pero a crise econômica e a recentralización dos capitais fan que a poboación catalá vexa como un problema a sua aportación ao estado, feito que a burguesia catalá usa para negociar novas condicións fiscais. Pero non confundamos os lexitimos direitos da poboación catalá á autodeterminación cos negocios que os seus burgueses queren facer á súa costa. Do mesmo xeito que Mas atiza o independentismo para ameazar ao goberno, este atiza o españolismo máis franquista para ter máis forza coa que impor as súas condicións.

En Euskadi e na Galiza, cada unha á súa maneira aínda que máis atrasado, tamen expresan esta agudización da crise. No caso galego é significativo que EU-IU, unha organización que na Galiza sempre foi profundamente centralista, asinase no programa eletoral de AGE que esta por a “liberación nacional e social” de Galiza, nun movemento cara ao nacionalismo de esquerdas. É unha reaccion á recentralizacion dos capitais que esta provocando para o pobo traballador galego unha sangria permanente de postos de traballo, nun proceso fomentado e auspiciado desde a Xunta polo PP galego, como bo servidor do capital centralista: á fin e ao cabo foi a TDT party e os medios españolistas galegos os que o puxeron aí.

Pasar do “social” ao “político” é, nin máis nin menos, que comprender que as reivindicacións que levantan a clase traballadora e os pobos do Estado Español estan determinando o comezo do fin do regimen do 78. Non sabemos canto tempo vai durar, se un ou cinco anos, iso é imprevisible, pero o que é certo é que hoxe están en cuestión todas as institucións políticas que garanten a maneira de explotación e espoliación pactados no 78, desde a Xefatura do Estado até a xudicatura ou a policia.

Ou Reforma Constitucional ou Asemblea Constituinte

En toda Europa, e especialmente nos chamados “periféricos” e algún central como Francia, asistimos a un proceso de deslexitimación dos estados nacionais, que atiza as forzas centrifugas. Cuestionados por arriba, todo paso que dean en “máis Europa” é un paso contra a autonomia dos estados e a súa lexitimidade diante da poboación; cuestionados por abaixo, pois estan facendo pagar ás poboacións os custos da crise e polas condicións concretas da Transición, no Estado Español isto vai conducir a un profundo choque entre a poboación e a coa Constitución do 78.

É máis que previsible que esta linea profúndese no futuro em curto prazo, de feito, o PSOE nun intento de previr esta tendência e para recuperar base social esta levantando a proposta dunha Reforma Constitucional nun sentido Federal do Estado: mudar todo para non cambiar nada.

Non é o mesmo facer unha reforma constitucional pactada por arriba entre as forzas institucionais, e logo levar a referendo a proposta xa cociñada, que abrir un proceso de eleccións a unha asemblea constituínte onde se debata e decida sobre os problemas centrais da poboacion, a resposta á crise e a saída obreira e popular, o dereito á autodeterminacion e a federacion de republicas ou a republica federal.

É evidente que non rompe os marcos do sistema capitalista, mas é o máximo de democracia dentro do rexime burguês e a súa esixencia é hoxe o elemento central para dar o salto do “social” ao “político” que permita organizar á clase traballadora e o pobo no camiño da transformación socialista da sociedade.

 

Galiza, 8 de xaneiro de 2013


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.