- A Velha Toupeira
O proceso a Garzón, a punta do iceberg
- Roberto Laxe - Publicado: Sexta, 23 Abril 2010 00:00
Roberto Laxe
O Tribunal Supremo do Estado Español ten abertos tres procesos contra o que fose o xuíz “estrela” da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón. Dous deles son basicamente unha cortina de fume, pero hai un terceiro que ten un calado distinto, é a denuncia por prevaricación presentada, por incrible que pareza, por Falanxe Española, e dúas organizacións satélites da extrema dereita. A esencia da denuncia apresentada é que o xuíz Garzón prevarica ao investigar os desaparecidos da ditadura, porque eses delitos están amnistiados desde o 1977.
A caixa de Pandora
Garzón, ao investigar os crimes do franquismo, abriu a caixa de Pandora do réxime, e como na lenda, dela saíron todos os males que había tapados baixo a alfombra da Transición. En concreto, o pacto de amnistía dos partidos da esquerda oficial (o PCE e o PSOE) co réxime franquista. Grazas a ese Pacto, saíron do cárcere os presos políticos antifranquistas -non todos, pois os que tiñan “delitos de sangue” non o fixeron-, pero ao mesmo tempo, se amnistiaba aos responsables da ditadura -incluídos os que tiñan delitos de sangue-. Nesa Lei equiparáronse victimas con verdugos e converteuse nunha verdadeira Lei de Punto Final como as aprobadas en Chile ou Arxentina.
Esa lei de Punto Final é un acordo político xuridicamente ilegal. Os delitos contra a humanidade non son amnistiables nin prescriptibles, segundo declaración da propia ONU. Un organismo que considerou ao franquismo como responsable de delitos contra a humanidade. Por iso, a lei de amnistía contradi todo o dereito internacional que serviu, e serve, para procesar ditadores en América Latina, para perseguir genocidas na ex Iugoslavia ou de África. Ese mesmo dereito que se invoca para declarar a “guerra contra o terrorismo”, non serve para perseguir aos responsables dunha ditadura que provoco unha guerra civil e 40 anos de represión.
Este é o pecado de Garzón, abrir esa caixa, e con iso, querendo ou non, cuestionar toda a andamiaxe dun réxime que basease, xusto, no esquecemento de corenta anos da súa historia. Un réxime que, a partir deste “esquecemento”, transfórmase nunha “democracia vixiada”, da que os seus administradores son, na súa esencia, os “perdoados” pola lei de amnistía e un Rei designado polo mismísimo Franco.
“Os mortos que vos matades gozan de excelente saúde”
A lei de Punto Final/Amnistia do 77 non só cinguiuse a responsables públicos do réxime franquista, e a institucións craves como a xefatura de Estado ou o exército; senón que unha terceira institución viuse favorecida pola Lei: a xudicatura.
Eran xuíces os que ditaban sentenzas desde o Tribunal de Orde Publico, eran xuíces os que presidian xuízos sumarísimos onde as mínimas garantías democráticas de defensa eran inexistentes; eran xuíces os que negaban as denuncias de tortura e morte nas comisarías. E todos eles foron tamén amnistiados.
Esta amnistía permitiu a transformación de institucións xudiciais da Ditadura (Tribunal de Orde Pública e Magistraturas de Traballo), en reconvertidas institucións “democráticas” (Audiencia Nacional e os Xulgados do Social).
Ao final, “os mortos” políticos que dirixiron o estado español a longo de corenta anos, “gozan” de excelente saúde. Tan boa debe ser que se atreven a procesar ao xuíz “estrela”. Así resulta que os xuíces e o aparello xudicial son en esencia os herdeiros do franquismo e moitos deles xuraron fidelidade aos franquistas “Principios do Movemento”. Este é o “Estado de dereito” do que nos falan.
“Roma non paga a traidores”
Ao chamado “bunker” nos anos da Transición (que expresaba aos sectores máis ligados ao aparello do estado franquista, ao Sindicato Vertical, ao Exercito, etc.) non lle importa que Garzón cumprise un papel fundamental na loita contra o pobo vasco, aplicando a Lei Partidos, pechando diarios e radios, encarcerando activistas; iso é “pecata minuta” ante o que se xogan: a estabilidade das institucións do réxime en plena crise económica e política. As institucións do réxime teñen que estar ben engrasadas, as ferramentas legais xa as teñen (lei de partidos, lei de folga con imposición de Servizos Mínimos, multas administrativas impostas polas delegacións do goberno, etc.); sóbranlles xuíces que, aínda que sexa por un instante, poidan ter un mínimo de independencia política.
O goberno parte do problema
O mesmo Garzón, e o inefable ministro Rubalcaba xa saíron ao paso da crise que se pode abrir, afirmando que a culpa de todo tena o PP. Como é habitual no goberno ZP, tras unha media verdade, esconde unha gran mentira.
É certo que o PP atiza os procesos contra Garzón, ben polo interese dos seus propios procesados en procesos de corrupción, ben como cortina de fume; pero o PP o que está a facer é remocicar de novo as fronteiras do réxime fronte ás debilidades outro dos seus administradores, o PSOE. Fíxoo cando freou a Lei da Memoria Histórica, dicíndolle ao sumiso goberno de ZP os límites do que se podían tocar, e faino agora, empurrando ao CSPX e o Tribunal Supremo a xulgar a quen “extralimitouse” pretendendo actuar en forma “independente” nun réxime que non tolera sequera a independencia xudicial relativa de calquera réxime democrático burgués.
Os procesos a Garzón teñen a súa raíz na crise aberta no réxime cando se comezou a discutir a Lei da Memoria Histórica, que non era máis que as consecuencias do ascenso de mobilizacións obreiras e populares que botaron ao goberno de Aznar. E isto abriu verdadeiras gretas no mesmo réxime, por iso Aznar falou de que era necesaria unha nova Transición.
Agora, en plena crise, cando todos os sectores da burguesía acordan que é preciso impor un Plan de Austeridade - o que discuten é o calado do mesmo e os eixos-, e que esa política alenta o crecente descontento obreiro e popular e pode provocar explosións sociais, esta unidade estratéxica de recorte das liberdades fáiselles máis imprescindible.
Por isto, á cortina de fume levantada polo PP para ocultar o fondo real do ataque, un retroceso nas liberdades democráticas, únese a política do Goberno de acusar ao PP... pola trama Gurtell, ocultando que o proceso de máis calado é o que cuestiona a Lei de Amnistía do 77.
Porque, se realmente o goberno non fose parte do problema, derrogaría a Lei de amnistía do 77, aprobaría unha verdadeira Lei da Memoria Histórica que restaurase os dereitos das vítimas do franquismo e esixido responsabilidades aos herdeiros da ditadura. Ese foi o camiño que impuxo a loita dos traballadores e o pobo arxentino e por iso alí foi derrogada a Lei de punto final e moitos dos militares da Ditadura acabaron presos. Pero este goberno é o goberno do réxime monárquico herdeiro do franquismo e ten un alicerce esencial nesa Lei de Amnistía que Garzón cuestionou obxectivamente, máis aló da súa vontade coas súas investigacións.
A defensa das liberdades democráticas
A defensa das liberdades democráticas é para a clase traballadora tan importante como a defensa do salario ou o posto de traballo. As liberdades, os dereitos de asociación, folga, manifestación ou reunión, son ferramentas conquistadas tras decenios de loita da clase obreira, que permiten encarar en mellores condicións a loita contra os plans de austeridade e polos dereitos nacionais dos pobos. Calquera límite ou recorte deses dereitos pon aos traballadores e aos pobos en peores condicións.
A esquerda oficial (EU, ERC, BNG,...), as organizacións sindicais (CC OO - UXT) e así como os intelectuais, artistas e profesionais que encabezan a campaña “en defensa de Garzón” capitulan, unha vez máis, ao Goberno, enganchándose ao reclamo de apuntar ao PP, salvando ao Goberno de Zapatero coma se este non fose parte do problema, de fraudes ás liberdades democráticas como a Lei de Amnistía ou de recortes vergoñentos ás liberdades como a Lei de Partidos. Fraco favor fan así á causa das liberdades democráticas.
Non cabe por tanto ningún apoio ao Goberno, nin defensa incondicional de Garzón. As organizacións da clase traballadora, as organizacións democráticas, a intelectualidade progresista, deberían adoptar unha posición oposta: queren de verdade defender as liberdades democráticas dos ataques da reacción? Queren de verdade defender ao xuíz Garzón da ultradereita? organicemos entón xuntos unha campaña esixindo a derrogación da lei de Amnistía e da Lei de Partidos. Esa sería a única defensa real e lexitima á vez que axudaría a retomar o camiño que truncou a Transición, o do procesamiento e castigo aos responsables de 40 anos de ditadura, o da consecución das plenas liberdades democráticas.
Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.