Esta ferramenta, que xorde ao abeiro de ECOAR))), pretende facilitar a construción de alternativas e resposta social, ao tempo que xera mecanismos de defensa para as persoas que sofren represión por exercer os seus dereitos.
Nun contexto global no que a práctica totalidade dos gobernos e organismos internacionais apostan por priorizar os beneficios das grandes corporacións transnacionais e financeiras, sobre as políticas sociais e medioambientais, os recortes de dereitos e liberdades son unha constante á hora de buscar unha saída á crise económica global iniciada en 2008. O desequilibrio e a tensión social van en aumento no mundo, ao tempo que a organización da cidadanía, dende o local ao global, xera novas canles dende as que defender e exercer os seus dereitos e enfrontar as medidas.
A Pepa Loba é unha ferramenta de financiamento de carácter independente que busca dar respaldo económico ao desenvolvemento de campañas, iniciativas, proxectos e accións, para crear alternativas e resposta social. A asociación pretende ser unha vía de consecución de recursos así como de multiplicación de medios á hora de afrontar a construción social.
A Pepa Loba conta cunha caixa de resistencia e solidariedade, denominada Burla Negra, que pretende que os e as activistas poidan facer fronte ás circunstancias adversas derivadas da súa acción. A Burla Negra busca construír un mecanismo para que xs activistas poidan sufragar as multas, ao tempo que se denuncia a represión social e política.