Ferrol e Pontedeume na primeira revolta irmandiña (erroneamente chamada “fusquenlla”) de 1431; Betanzos con A Coruña na irmande de 1454 e todas á vez, co resto do Reino de Galiza, na grande revolta irmandiña de 1467-1469.
Conta Fernán Pérez de Guzmán na Crónica de Juan II “como en Galiza se levantaron contra Nuño Freire de Andrada sus vasallos, e de lo que en ello se hizo”. Corría o ano de 1431, os vasalos de Pontedeume, Ferrol e Vilalba se revoltaron contra Nuno Freire de Andrade, coñecido como “O Mao”, acusándoo de que “era un señor muy fuerte é duro é que no lo podian comportar”. Morreu novo, Nuno Freire, pouco despois da revolta, puxéronlle no sepulcro sito no mosteiro de Monfero un inmerecido epitafio, segundo o punto de vista popular, de “cabaleiro verdadeiro”:
“NO NOME IESU, AUEDE PIEDADE DA ANIMA DE NUNO FREIRE DE ANDRADE, CAUALEIRO DE UERDADE, UN DO CONSELLO DO REI, QESE FINOU ENO ANO D MIL CCCCXXXI ANOS”
Axuntáronse primeiro 3.000 homes en armas na terra dos Andrade que derribaron fortalezas e cortaron viñas e hortas dos señores. Logo reuniron un exército de 10.000 coa axuda doutros vasalos rebeldes dos bispados de Lugo e Mondoñedo. A idea que tiñan era, sen dúbida, a xeneralización da revolta antiseñorial, comezando coas terras veciñas. Estaban dirixidos militarmente polo fidalgo Roi Xordo. Enarboraban como bandeira o Pendón de Santiago como proba da relixiosidade da súa causa social.
Explica Pérez de Guzmán que “hicieron todos una hermandad é por toda la tierra los llamaban los hermanos é andaban así poderosamente”, respetando a El-Rei de quen esperaban axuda e xustiza: “en las rentas del Rey ni contra su justicia no tocaban”. Xustamente, Ferrol e Pontedeume o que más querían era voltar a ser vilas do Rei (reguengo).
Juan II de Castela mandou ó Arcebispo de Santiago, Lope de Mendoza, e ó bispo Alvaro de Isorna, futuro arcebispo tamén, a parlamentar cos irmandiños. Sen éxito algún, non obtiveron dos prelados á renuncia de Nuno Freire ó señorío, de maneira que continuaron a súa peregrinación armada a Compostela en demanda un mundo igualitario, sen señores. Di o cronista: “estaban tan locos... atentaron de entrar en la cibdad de Santiago”, capital política e social de Galiza, coa evidente intención de levar a revolta ó maior señorío feudal do Reino, co obxectivo de levantar Galiza enteira. O arcebispo Mendoza convocou o seu experimentado exército señorial de 300 dacabalo e 3000 infantes e derrótaos. O cronista, pro-señorial pero sen o cal non saberíamos ren, cébase con eles: “como eran gente menuda é de poco esfuerzo acordaron de se derramar é irse algunos dellos para el Arzobispo”
O que fan, en realidade, é retirarse cara ós seus lugares de orixe para continuar no seu empeño. Nuno Freire de Andrade logra, coa axuda do correxidor real Gómez García de Hoyos descercar o seu castelo de Pontedeume, arrodeado por máis de 400 irmandiños, reprimindo duramente ós seus derrotados vasalos (de aí o seu alcume): “murieron ahí algunos de los hermanos é otros fueron presos u enforcados é así se apaciguó este caso de Galiza”... por pouco tempo.
En decembro de 1431 e xaneiro de 1432 un procurador de Ferrol, Pontedeume e A Coruña, Pedro Padrón, leva a protesta contra os Andrade á mesma Corte de Juan II, esixindo de novo tornaren ó señorío real, sinónimo de liberdade na Galiza daquel entón. En 1441 o conseguen por un tempo Ferrol e Pontedeume, logo de maneira máis permanente en 1464, ata chegar ó Reino irmandiño de Galiza, tres anos despois, onde todos os cabaleiros “que non fazian senon furtar e roubar... ficaron... como o primeiro día que nasceran, sen terra et sen va[sa[ llos” (clérigo Rui Vásquez).
A revolta irmandiña de 1431 serviu xa que logo de ensaio nas Rías Altas, e zonas de influencia, para a revolución triunfal de 1467; do mesmo xeito que, no Sur de Galiza, a revolta dos portos en 1451-1452 das Rías Baixas. Aprendendo destas e doutras experiencias, na primavera de 1467 o levantamento será simultáneo en toda Galiza e levará ó poder, durante dous anos, á Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino. Santiago de Compostela será das primeiras vilas en revoltarse, co apoio doutro correxidor real doutro Rei: os que guerrearon co arcebispo en 1431 contra os irmandiños de Roi Xordo, botaran de Galiza o arcebispo Fonseca.
Así foi como o Reino de Galiza deu o seu meirande paso para entrar na Idade Moderna.