As traballadoras despedidas na planta de Danigal no vertedoiro da Areosa realizaron na mañá deste xoves un peche simbólico no edificio administrativo da Xunta en A Coruña para solicitar unha xuntanza co Delegado Territorial, Diego Calvo, co obxectivo de pedir a súa mediación no conflito e facilitar un entendemento para a súa recolocación nas instalacións de Sogama en Cerceda.
Unhas vinte traballadoras do colectivo de 32 empregadas/os despedidas o pasado mes de novembro na planta de envases lixeiros de Danigal, acompañadas por sindicalistas da CIG e UGT, continuaron o calendario de protestas esta mañá cun encerro simbólico nos edificios da Xunta en A Coruña, que iniciaron por volta das 10:15 horas.
O obxectivo da acción era manter unha entrevista co delegado territorial, Diego Calvo, para solicitar a súa mediación neste conflito e posibilitar un entendemento na xuntanza entre Sogama, as subcontratas e o Comité de folga prevista para este venres en Cerceda.
Non obstante, o representante do goberno galego non se atopaba no edificio nese momento e tras 45 minutos de peche e ser requiridas pola policía para abandonar o edificio, as traballadoras acordaron levantar a medida e continuar coa protesta ás portas da Xunta. Alí coincidiron coa acción lúdico reivindicativa que o persoal do centro Santiago Apóstolo estaba desenvolvendo en defensa do mantemento do servizo público e dos postos de traballo.
As traballadoras continúan así adiante coas mobilizacións iniciadas hai case un mes en demanda do cumprimento dos acordos de recolocación asinados no Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda. Adolfo Naya, da CIG-Servizos, lembrou que o obxectivo das accións reivindicativas é conseguir a recolocación destas traballadoras/es e advertiu que se non se acada un acordo na xuntanza deste venres entre as partes, non se descarta convocar mobilizacións máis contundentes.