Baixo o lema Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais, a manifestación partirá da Praza da Independencia ás 20.00h., e pasará pola Praza de América ata o Parque de Castrelos, onde se rematará coa lectura dun manifesto. Esta nova movilización terá lugar, simultáneamente, en diferentes cidades de distintos países do mundo, nas que a cidadanía sairá á rúa para mobilizarse en contra do TTIP, CETA, TISA e TPP, e en prol da igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real.
Esta mobilización ten lugar na mesma semana na que se anunciou a aprobación do Acordo Transpacífico de Cooperación Económica (o TPP, polas súas siglas en inglés). Este Acordo abranguerá o 40% da economía mundial e suporá un novo paso á fronte para as grandes multinacionais que pasarán a estar legalmente por riba dos estados. O TPP, como o TTIP, o CETA e o TISA, forma parte dunha nova xeración de tratados de libre comercio e inversión que se caracterizan fundamentalmente por dous aspectos: dan un poder case ilimitado ás empresas á hora de desenvolver a súa actividade e negócianse de xeito segredo fóra dos marcos de control democrático.
Estes tratados presentan a cara dun capitalismo desbocado ao que todo se lle permite con tal de obter un beneficio económico. Con estes tratados as grandes empresas someten completamente a soberanía popular a través dun marco legal paralelo (os tribunais de arbitraxe inversor-estado, ISDS) no que só poden ser denunciados os estados pero non as multinacionais. Con estes tratados créase un marco onde os dereitos das persoas e o medio ambiente non teñen por que ser respectados se é que poñen algún freo ao beneficio económico.
Pero fronte a estes tratados estamos a ver como se está a artellar un bloque capaz de responder nos distintos eidos a través de diferentes mecanismos e iniciativas, que teñen cada vez máis forza e empezan a dar os seus froitos. A Iniciativa Cidadá Europea Autoorganizada pechouse coa sinatura de máis de 3 millóns de europeos e europeas dicindo “Non ao TTIP nin ao CETA”; o pasado 18 de Abril organizáronse accións descentralizadas e mobilizacións en máis de 700 localidades de todo o mundo en contra dos tratados de libre comercio e inversións; e ademais, a nivel europeo, estanse a organizar unha rede que suma xa máis de 200 concellos que se declaran en contra do TTIP. Seguindo nesta liña o próximo paso será vindeiro sábado 10 de outubro onde haberá novas mobilizacións en diferentes localidades de todo o mundo nas que se esixirá “Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais”. A esta seguiralle unha semana de accións descentralizadas que terán como colofón final unha gran mobilización en Bruxelas onde confluirán as Euromarchas para presionar ás institucións e poñer sobre a mesa políticas contra o TTIP, a débeda, as medidas de austeridade e a pobreza, así como a favor dos servizos públicos.
Opoñerse aos tratados de libre comercio e inversións, implica continuar facendo fronte ás ideas e formulacións da Organización Mundial do Comercio, que pretende esganar esa parte inalienable das persoas como son os dereitos e a dignidade. Opoñerse aos tratados de libre comercio e inversións supón confrontar radicalmente á explotación insostible da natureza para obter un beneficio económico imposiblemente infinito nun mundo de recursos limitados. Opoñerse a estes tratados implica, en definitiva, apostar porque outro mundo é posible e necesario.
Toda a información sobre esta mobilización, e sobre a campaña Non ao TTIP Galiza, está disponible na páxina web http://nonaottip.96.lt/, na que quedarán recollidos os principais eventos e datos da campaña, así como os colectivos asinantes da mesma.