1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

refuGaliza - Diário Liberdade - Sindicatos, partidos e coletivos sociais da esquerda institucional convocam concentraçons ao meio-dia.


A convocatória, pouco difundida, quer expressar solidariedade aos milhares de pessoas refugiadas que tentam chegar a território da Uniom Europeia.

A concentraçom foi realizada por organizaçons da esquerda sindical e institucional, assim como ONGs pacificistas: CIG, CCOO, UGT, BNG, EU, ANOVA, PSOE, Podemos, Asemblea de Cooperación pola Paz e Seminario Galego Pola Paz. Juntas, assinam um manifesto com umha série de reclamaçons ao governo espanhol.

Horas e lugares das mobilizacións:

- Vigo: 12 h, Museu de Arte Contemporánea (MARCO).

- Corunha: 12 h, praça da Lenha.

- Compostela: 12 h, no Obradoiro.

- Ferrol: ás 12 h, Porta Nova.

- Lugo: 12:30 h, em frente ao Subdelegaçom do Governo espanhol.

- Ourense: 12 h, em frente ao Subdelegaçom do Governo espanhol.

- Ponte Vedra: 12 h, praça da Ferraria.

Eis o manifesto:

Solidariedade galega com as pessoas refugiadas

DECLARACIÓN ANTE A CRISE HUMANITARIA EN EUROPA

«Solidariedade galega coas persoas refuxiadas»

Europa encóntrase ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial, como consecuencia dos milleiros de persoas que tentan chegar na procura de protección, empurradas polas inhumanas condicións que sofren nos seus países de orixe ou polas situacións de conflito bélico das que se ven obrigadas a fuxir.

Igual ca noutros dramáticos momentos históricos en que os propios cidadáns e cidadás de Europa se vían na obriga de abandonaren os seus fogares e buscaren un mínimo de seguridade, é importante recalcar que son persoas que están fuxindo de países en situación de grave conflito humanitario onde existe risco certo para a súa integridade e a das súas familias ou onde resulta imposible alcanzar unhas condicións de vida dignas.

En consecuencia, precisan e merecen a protección que os Estados membros da UE teñen a responsabilidade de lles dar. Alén disto, tanto no caso das persoas refuxiadas como no das desprazadas, a lexislación internacional e da propia Unión Europea establece unha serie de obrigas ineludibles.

Os Estados e institucións europeas deben reaccionar, afrontar a crise humanitaria —facendo valer os dereitos humanos— e cumprir escrupulosamente os tratados internacionais que velan pola salvagarda das persoas refuxiadas e as desprazadas. Coa mesma, débese denunciar que algúns Estados europeos promoven ou practican actuacións que non respectan os devanditos dereitos e tratados.

As organizacións que asinamos esta declaración entendemos que os Estados e institucións europeas non están respondendo ao xeito á crise humanitaria de que tamén son responsables, pola participación de moitos deles nas intervencións militares imperialistas que están na xénese desta crise. Polo tanto, denunciamos esta parálise que, ante unha traxedia de tal magnitude, é incapaz de propor iniciativas, dilatando calquera decisión ao respecto.

É vergoñento que Europa se mostre incapaz de acoller en condicións dignas as 400.000 persoas que, segundo EUROSTAT, chegaron en situación de risco ou persecución no que vai deste ano 2015.

Cabe reiterar que estas persoas chegan a Europa buscando o que se supón que é un espazo seguro de acollida e respecto aos seus dereitos e, pola contra, encontran un limbo inhóspito, ben de cinismo, ben de aberta hostilidade.

Foxen dos seus países de orixe como consecuencia da guerra e destrución causada polas sucesivas actuacións imperialistas dos EUA e dos seus aliados europeos.

Non deixa de resultar rechamante que a política exterior dalgúns Estados induciu —poida que interesadamente  procesos políticos que non garantiron o respecto aos dereitos humanos e que desembocaron en conflitos bélicos.

As organizacións asinantes, ante a incapacidade de Estados e institucións europeas para cumpriren co seu deber a responsabilidade, esixen que de maneira inmediata se aumenten os medios necesarios, utilizando os mecanismos correspondentes, para garantir a tramitación e resposta axeitados ás persoas que chegan buscando protección.

Requírese unha resposta inmediata, eficaz e áxil que garanta os dereitos das persoas que chegan a Europa, fundamentalmente o seu dereito á vida, a integridade física e a dignidade, amais do dereito á protección que merecen; e que esa resposta se coordine con urxencia, habilitando mecanismos excepcionais a través das institucións, organismos e Gobernos europeos, establecendo vías de financiamento que garantan a eficacia inmediata das medidas.

Ao tempo, esixímoslles aos Gobernos europeos que se sitúen á altura das circunstancias e do momento histórico que estamos vivindo e asuman as súas responsabilidades facilitando a acollida do maior número posible de persoas refuxiadas, en cumprimento das súas obrigas internacionais.

Esiximos tamén a finalización inmediata das respostas policiais, coercitivas ou represivas e dos obstáculos por parte dos Estados europeos que non faciliten a protección e o amparo a esas persoas.

Cómpre recordar tamén que a UE carece dunha política común e harmonizada de xestión de fluxos migratorios e de asilo, cuestión que é imprescindible abordar decontado desde un punto de vista amplo e construtivo, e sempre sobre a base do respecto aos dereitos das persoas e a súa garantía.

Esixímoslle ao Goberno español que asuma a súa responsabilidade e:

1. Que se poña fin á guerra e ás intervencións militares dos Estados occidentais en Siria, e que se promovan activamente a vía pacífica e a negociación para lograr a resolución dos conflitos —respectando sempre a soberanía dos pobos—. Así mesmo, a retirada de todas as forzas militares norteamericanas e estranxeiras dos países de Oriente Próximo e norte de África.

2. Que defenda na Unión Europea mudar radicalmente a política de blindaxe de fronteiras por unha operación permanente de axuda e salvamento que teña como único obxectivo impedir a perda de vidas e salvagardar a integridade física das persoas que intentan alcanzar a Unión Europea. Ademais, débense revisar criticamente as xa existentes mellorando o seu funcionamento, a súa dotación económica e orientándoas cara a fins humanitarios.

3. Que, xunto á Unión Europea, garanta unha política de cooperación internacional que aborde as causas que impulsan as migracións dos países de orixe, incluíndo non só os conflitos armados, senón as constantes violacións dos dereitos humanos, a pobreza, a fame, as desigualdades… E que dote dos medios económicos, materiais e de todo tipo para que as persoas e institucións públicas poidan dar un acollemento digno ás persoas refuxiadas.

4. Que reciba e acolla a todas as persoas refuxiadas e desprazadas que corresponda, entendendo que a proposta que poida realizar a UE pode ser un mínimo, pero que o Estado español e Galicia, conforme á súa poboación, pode e debe ter unha capacidade de acollida conforme á súa capacidade real.

 5. Que se establezan protocolos de actuación entre as distintas administracións para unha adecuada coordinación e xestión do acollemento.

6. Que se abra unha mesa urxente con presenza de forzas políticas e sociais co fin de intercambiar información e experiencias para garantir unha axeitada cobertura das persoas que poidan chegar.

7. Para tal fin, que se habiliten, se for necesario, mecanismos de financiamento urxente e extraordinario para establecer os medios materiais e humanos para o acollemento áxil e eficaz das persoas.

8. Que se facilite de forma inmediata nas fronteiras e consulados españois a solicitude e tramitación de todas cantas solicitudes de protección internacional se presenten, proporcionando unha xestión áxil e garantista. Recoñecemos a multitude de iniciativas positivas que, desde distintos ámbitos, están mostrando o apoio ás persoas refuxiadas e desprazadas e a necesidade de adoptar medidas urxentes. Facemos un chamamento á responsabilidade de Estados e institucións, á mobilización social e á solidariedade activa da poboación europea e convidamos os concellos a se adheriren ao movemento de cidades-refuxios e a adoptaren medidas concretas. A finalidade debe ser articular propostas e mensaxes construtivas, realistas, responsables e solidarias sobre a crítica situación que estamos vivindo e manifestar publicamente tales posicións co fin de previr e evitar discursos demagóxicos ou xenófobos. Así mesmo, non podemos permitir mensaxes de odio e intolerancia. Por todo isto, e baixo o lema «Solidariedade galega coas persoas refuxiadas», convocamos mobilizacións esta fin de semana en toda Galiza e no estado español.

Setembro de 2015


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.