A CUT avalia moi positivamente a manifestación das Marchas da Dignidade do pasado 29 de novembro no Obradoiro que sob o lema: Pan, traballo e teito convocou en Compostela máis de sete persoas procedentes dunha multitude de organizacións sindicais, políticas, sociais e cívicas que reclamaron, de xeito unitario, o seu direito a unha vida digna.
Coletivos en defesa dunha saúde e unha educación pública gratuitos e de calidade, organizacións feministas e ecoloxistas, sindicatos clasistas e asemblearios, traballadores e traballadoras dos sectores de correos, da industria, do tren, bombeiros, estudantes,… A grande concentración do pasado 29 de novembro no Obradoiro amosa que as Marchas da Dignidade vai ampliando cada vez máis a súa base social na Galiza, que cada vez son máis as persoas e os coletivos que as adiren e ven nelas unha ferramenta para a mudança política, para frear as políticas antipopulares ditadas desde os gobernos de Bruxelas, Madrid e Raxoi, que cada vez máis xente na Galiza comprende que o mellor xeito de reclamar o seu dereito a unha vida digna é esixíndoa de xeito unitario mediante a mobilización masiva na rúa.
A CUT parabeniza a súa filiación e simpatizantes polo grande esforzo militante, entusiasmo e compromiso amosado ao longo desta longa campaña de mobilización, e declárase, así mesmo, orgullosa de formar parte, xunto con outras organizacións irmás, deste movemento popular e masivo encamiñado a cambiar un modelo económico e social que condena á meirande parte da poboación á precariedade, a exclusión social e a pobreza. A CUT lembra,neste sentido, que a gran manifestación do pasado 29 de novembro en Compostela non é un fin en si mesmo, senón un paso adiante máis na conquista do noso dereito a unha vida digna.
Pan, traballo e teito!
Venceremos nós!