"Galiza sóio merecerá respeito cando abandonemos a nosa mansedume, dispois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente". Con tal claridade expresábase Castelao ante a urxente necesidade de nos dotar colectivamente como pobo dos instrumentos precisos para o exercicio da nosa soberanía. Estamos nun momento no que o modelo político, institucional e territorial do Estado Español pasa por unha das súas peores crises de lexitimidade nas últimas décadas e no que seguimos a padecer unha fonda crise do sistema capitalista que pon máis que nunca de manifesto a estreita relación entre o proxecto de liberación nacional e o dunha transformación social digna de tal cualificativo.
Galiza é unha nación dependente e empobrecida no económico, no político e no cultural, sen soberanía nin poder de decisión e sometida desde hai máis de 500 anos a políticas españolizadoras, negadoras e centralistas que teñen como fin a nosa completa destrución como pobo e que abranguen todo o que nos rodea, desde o modelo e os contidos do ensino até a prohibición de vivir dos nosos sectores produtivos.
Un pobo sometido tamén a un sistema capitalista criminal e inherentemente corrupto que, para garantir as taxas de ganancia dunha minoría oligárquica, que responde ante proxectos políticos opostos ao noso, explota a meirande parte da poboación e condénaa a vivir penosamente no mellor dos casos, ou á miseria en moitos outros. Centos expulsadas pola forza das súas casas, milleiros nas ringleiras do desemprego (que é utilizado como unha das máis poderosas armas da patronal), crianzas que asisten a aulas sen poder almorzar e cuxo principal sustento son os comedores escolares, estafas e roubos dos aforros de toda unha vida, continuo desmantelamento da nosa industria e dos nosos sectores produtivos (desde a construción naval até o agro e a pesca), espoliación masiva dos nosos recursos e destrución do medio natural (en mente temos todas os grandes proxectos mineiros), mercantilización e adoutrinamento no ensino ou a masiva emigración da mocidade a razón de 70 exilios diarios. Que posibilidades de futuro digno na nosa terra temos cun goberno galego cómplice e actor necesario nestas prácticas?
Un sistema patriarcal en plena ofensiva, alentado pola Conferencia Episcopal e un goberno español que trouxo de volta o nacional-catolicismo que nunca marchou, mais que, de xeito sempre latente, ficaba oculto ou mesmo desprazado da vida diaria. A presión dos roles de xénero ás mozas sometidas e educadas a ser nais e esposas, a anulación dos dereitos sexuais e reprodutivos que impide ás mulleres decidir sobre os seus corpos, levando de novo ao aborto ao campo do ilegal e clandestino, así como o constante feminicidio, amosan que nunca se acabou co machismo nin se acadou a igualdade, como tanto cacarexa a propagada do capital.
Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos e non poidan ser mercadoría das que unha minoría extraia lucro.
Galiza é, como dixemos antes, unha nación oprimida, colonizada. Este é o noso marco nacional de loita revolucionaria, e é a clase obreira galega e as capas populares deste país quen teñen a responsabilidade de liderar esa loita facendo súa a reivindicación soberanista e inserindo no proceso de liberación nacional unha perspectiva de clase. Sen rachar co réxime capitalista español non será viable ningún proceso revolucionario, nin a construción dun sistema diferente que transforme de raíz o paradigma económico e social. É, pois, o proxecto independentista o único transformador digno de tal nome e, amais, a única vía posíbel, nestes momentos, de ruptura democrática co réxime para abrir as portas a un proceso constituínte co dereito a decidilo todo democraticamente, desde a base e a través do debate popular, como nos ensinan os procesos emancipatorios de Catalunya e Euskal Herria.
A mera conquista dunha República Galega non pode ser o noso obxectivo estratéxico final, senón un paso intermedio para a consecución dunha democracia real, dunha democracia socialista que culmine o proceso de emancipación social. Unha República plenamente soberana que enfronte os monopolios e que rache de xeito unilateral coas estruturas imperialistas das que fai hoxe parte o Estado Español como a NATO, o FMI ou a UE; considerando ilexítimas as súas medidas e non aceptando chantaxes das mesmas como a imposición de memorandos ou débedas ilexítimas.
Os tempos son chegados, que di o noso himno nacional, para reclamarmos, con toda a forza que nos confire ser parte dun pobo como o galego, a urxencia de acelerar o proceso de construción nacional, cunha alternativa ruturista e republicana nesta denominada segunda transición, após a abdicación do rei español Juan Carlos I e a rápida e opaca coroación de Felipe VI sen ningún tipo de debate popular.
Unha monarquía sustentada nunha estreita blindaxe informativa e xudicial, a través do silencio cómplice e a autocensura necesaria de partidos do réxime e medios do capital, destinada a ocultar premeditada e sistematicamente de onde vén e a que se adicaba a familia real, todo isto unido ao mito da Transición (coa colaboración necesaria da agora autoproclamada esquerda ruturista española) e a súa contribución á democracia (que aínda estamos a agardar). A monarquía é unha institución anacrónica, sustentada nos Principios Fundamentais do Movemento – que tan ben xurou Juan Carlos I – así como na lealdade a Franco e ás súas leis.
Non pode haber dúbida co principal símbolo de unidade e permanencia do réxime; non haberá emancipación se non nos libramos da monarquía española e apostamos por unha alternativa republicanista verdadeiramente ruturista (que é a única que leva sendo así desde a morte de Franco) como é a que enfronta o estado español cos procesos soberanistas para a construción de repúblicas libres e soberanas.
Por todo isto haise que organizar, hai que sumar forzas desde todos os ámbitos: movemento obreiro, movemento estudantil, asociacionismo político e cultural, deportes de base, centros sociais, activismo feminista, ecoloxismo, movemento veciñal... todos aqueles eidos que golpean día tras día o sistema e poñen unha pedra máis nese camiño de poder alternativo que construimos entre todas.
Para gañarmos o futuro deixemos de lado o individualismo e o apoliticismo, deixemos de lado a pasividade para dar paso á organización e á loita consciente. Porque imos botar abaixo este sistema, porque imos ser donas dos nosos propios destinos e porque imos rematar con toda opresión.
Para gañarmos o futuro
REPÚBLICA GALEGA!