1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

290515 castGaliza - CNM - Desde o Colectivo Nacionalista de Marín, unha vez rematadas as eleccións municipais e coñecendo os seus resultados damos a coñecer o noso punto de vista sobre o acontecido.


Malia poder parecer que este proceso electoral modificou significativamente o panorama político, non podemos perder o norte e crermos unha realidade que aínda non é, pois aínda que a caída do PP e PSOE foron importantes no conxunto do estado seguen a ser a primeira e segunda forza máis votada respectivamente, o que apraza para máis adiante o soño de derrocar o bipartidismo.

a02Con todo, sen dúbida estes resultados foron un pequeno paso para poder botar os populares da Xunta, e así o entende tamén o PP, que perdendo concellos e deputacións ve como se estende entre as súas fileiras a sensación de que se dirixen cara a un inevitábel afundimento. Non entanto, a alegría non pode ser plena, pois gran parte da perda do PP é capitalizada polo PSOE que, aínda cedendo nas cidades o segundo posto a outras candidaturas, vai quedar coas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Así, e por desgraza, non vai caer da noite para a mañá un réxime tecido con numerosos intereses durante case 4 décadas, parido como a continuidade do franquismo. Cómpre, xa que logo, non deixarse levar por triunfalismos e seguir camiñando e afianzado as loitas na rúa.

Pola outra banda, nestas municipais presentáronse distintas opcións, entre as que cómpre salientar a irrupción con certa forza das denominadas mareas. A nova marca electoral, que impulsaron Anova e IU (AGE), co apoio de Podemos en determinados lugares, que obtivo un importante resultado, fundamentalmente na provincia da Coruña, onde en principio gobernará nas tres cidades máis importantes da man do PSOE e o BNG.

Unhas mareas cualificadas como cidadás ou de unidade popular, mais que en moitos casos eran simplemente coalicións de partidos, o que provocou incluso en cidades como Ourense, Lugo ou Vigo loitas polo poder, métodos, etc. chegándose a fragmentar en varias opcións a marea inicial. Unhas mareas que mesmo antes de comezar nalgunhas vilas xa viñan cunha consigna e un obxectivo marcado como era acadar as deputacións para o que xa propuñan unha coordinación artificial entre as mareas e que finalmente se concretou co paraugas electoral SON, posto a disposición por Anova e IU. Como curiosidade, hai que destacar que aquelas mareas onde Podemos, que tiña a súa propia estratexia, participou activamente non participaron dentro da coalición Son. Co cal queda por ver que pasará nas próximas contendas electorais se Podemos non apoia as mareas e presenta lista propia, como xa están anunciando.

En canto ao BNG, parece que tocou fondo; mantén a capacidade de presentar candidaturas e obter algunhas maiorías absolutas ou relativas de certa importancia, como na cidade de Pontevedra. Pero o que non se pode agochar con valoracións ridículas é a práctica desaparición ou representación minúscula nas grandes cidades e vilas de Galiza.

Non se pode obviar que o deterioro dos resultados do BNG, que se repiten xa en bastantes procesos electorais, son fundamentalmente responsabilidade do propio BNG e a súa deriva reformista. Practicar políticas clientelares, neoliberais e xirar ao "centro" na procura do voto despois de ser considerada como unha forza revolucionaria só produce desilusión. Volver xerar ilusión require de pasos firmes e críbeis, non se arranxa cun "xiro soberanista" que non se chega a concretar, nin con actuacións erráticas como a creación e posterior liquidación da plataforma Galiza Pola Soberanía, morta por inanición e medo a abrirse ao mundo do soberanismo e o independentismo.

Con todo, quen analizar estes resultados municipais para avalar a súa estratexia e confrontala co éxito ou fracaso de calquera outra, ao noso pensar erra, pois hai tantas realidades como concellos ten Galiza, e as fotos políticas nunca son fixas pois dependen de moitas variábeis. O que hoxe é unha cousa mañá é outra totalmente distinta.

No que si nos deberamos parar é en reflexionar é no futuro que lle agrada a Galiza, cara a onde vai camiñar. Se temos en conta que as forzas que van dirixir a maior parte dos concellos e das deputacións non teñen como eixo fundamental da súa actuación política Galiza, PSOE, e outros que ou ben son unha sucursal de Madrid, ou ben agardan con fascinación que a solución para os nosos problemas veña dun suposto proceso constituínte construído desde Madrid. Se considerarmos pois que desde España non veñen as solucións senón os problemas, e que a xente que pode dirixir eses procesos constituíntes non recoñecen a Galiza como un suxeito autónomo, o camiño ponse moi costa arriba.

O estado español e a UE son responsábeis das políticas económicas que incrementan os índices de pobreza, provocan os desafiuzamentos, fan que bancos e grandes empresas enerxéticas e de comunicacións teñan uns beneficios disparatados a costa dos nosos recursos e medio, destrúen os nosos sectores produtivos. O noso leite vale menos que o leite de fóra, pagamos a luz que producimos máis cara, os nosos barcos non poden pescar.... Son problemas que temos en Galiza aos que temos que dar solución nós.

É evidente que as forzas propias perden influencia, ben pola perda de votos ou ben porque, coa escusa da emerxencia social, se dilúen ao se integrar directamente en proxectos con forzas estatais cunha visión claramente electoralista deixando para o futuro a cuestión nacional. Cun discurso que vale o mesmo para Pontevedra que para Valladolid estanse levando a base social e parte da militancia do soberanismo a traballar para proxectos políticos estatais que non consideran fundamental o dereito dos pobos a decidir, que non teñen sensibilidade co noso idioma nin coa nosa cultura.

Este fenómeno afecta a Galiza dunha forma máis contundente pero non é alleo a outras nacións sen estado como Euskal Herria ou os Països Cataláns que teñen en Podemos e candidaturas "cidadás" un novo obstáculo no seu camiño cara á independencia.

O eixo esquerda-dereita sobre o que pivotan as chamadas frontes populares, que non deixan de ser coalicións de partidos, son o triunfo tardío do piñeirismo. Un proxecto de entrega e domesticación do pobo galego e de submisión das forzas políticas propias. Onde para salvarnos temos que estar pendentes do que fagan e digan en Madrid líderes alleos construídos polos medios de comunicación do réxime.

Líderes e novas forzas políticas que aparecen para substituír a outras que xa non son funcionais ao réxime. Podemos é a IU o que Ciudadanos é a UpyD. Son forzas políticas que xurdiron cun respaldo político e mediático fundamental para o seu asentamento e crecemento, que medran ou se achican nas enquisas segundo a súa rendibilidade. Como se explica que UpyD, unha forza de ámbito estatal, desapareza en cuestión de meses para dar paso a unha forza similar, Ciudadanos, que só tiña implantación en Catalunya e tivo que facer a correr as súas candidaturas para estas eleccións? O que o sistema che dá, o sistema quítacho.

Do punto de vista do Colectivo Nacionalista non podemos, se quixermos ter futuro como pobo, depender dos procesos que nos constrúan outros, temos que ser quen de construírmos entre todas as forzas galegas un proceso propio que poña o dereito a decidir e a xustiza social como eixos fundamentais. Como fan os cataláns e os bascos, non podemos agardar nin depender do que aconteza no estado para facelo,

Se queremos unha Galiza Ceibe temos que cambiar o rumbo da nave, facer unha reflexión colectiva e xenerosa de tod@s @s que loitamos por Galiza. O conxunto do soberanismo, incluída a organización maioritaria, debe iniciar un proceso de construción dun referente que sirva para o proceso de liberación nacional e social da Galiza.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.