1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

140914 ue canadaGaliza - SLG - O SLG impugna o acordo comercial entre a Unión Europea e Canadá por deixar á cidadanía indefensa ante o poder empresarial.


A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén de rexistrar un escrito dirixido a varias institucións solicitando impugnar a inclusión da cláusula sobre a Solución de Controversias entre Inversor e Estado (ISDS) no Acordo Económico e Comercial Amplo (CETA) que a Unión Europea vai asinar con Canadá o vindeiro 25 de setembro. A intención deste escrito é influír na posición española mañá, 12 de setembro, no Comité de Política Comercial do Consello da UE, que se reunirá en Bruxelas para debater sobre este tema e chegar a un acordo sobre o texto final do CETA, que se vén negociando dende 2009.

O noso rexeitamento aos tratados de protección do investimento e á cláusula sobre a Solución de Controversias entre Inversor e Estado fundaméntase en que estas ferramentas legais xa foron utilizadas para desafiar a colocación de advertencias sanitarias nos paquetes de cigarros, para impedir a renacionalización dos sistemas de saúde ou a fixación de salarios mínimos, para debilitar ou suprimir regulacións ambientais, para imposibilitar o establecemento de prezos xustos dos medicamentos ou ata para evitar que inversores sexan multados por violar leis e dereitos humanos.

O escrito presentado polo SLG está enmarcado nunha campaña, coordinada no Estado por Ecoloxistas en Acción, na que participan organizacións sociais de toda Europa, e vai dirixido ao subdirector xeral de Política Comercial da UE (Secretaría de Estado de Comercio), Alberto Sanz Serrano; ao embaixador e representante permanente na UE, Alfonso Dastis Quecedo; e ao conselleiro coordinador de Comercio (Ministerio de Asuntos Exteriores), Javier Fernández Méndez. De seguido, compartimos con vós o escrito presentado:

Estimados señores,

O vindeiro 25 de setembro, a Comisión Europea e o Goberno de Canadá teñen previsto anunciar o final das negociacións do Acordo Económico e Comercial Amplo (CETA) nun evento que se realizará en Ottawa, Canadá. E este venres, 12 de setembro, o Comité de Política Comercial do Consello da UE reunirase en Bruxelas para debater e chegar a un acordo sobre o texto final do Acordo Económico e Comercial que se negocia con Canadá desde 2009. No texto deste acordo comercial, que se trata de ocultar á opinión pública, inclúese un capítulo perigoso sobre a protección do investimento e unha cláusula sobre a Solución de Controversias entre Inversor e Estado (ISDS).

Os mecanismos de Solución de Controversias entre Inversor e Estado son unha política cada vez máis controvertida e claramente rexeitada por unha boa parte da sociedade. Moitas voces, entre as que se inclúen xuristas e algúns representantes dos Estados membros da UE, expresaron a súa inquietude polo ISDS, afirmando que non existe a necesidade de incluír este mecanismo nos tratados da UE con EE.UU. ou Canadá.

Cremos que o ISDS outorga excesivos dereitos e privilexios aos inversores internacionais con respecto ao resto da sociedade e discrimina as entidades públicas, as pequenas empresas ou as cooperativas de economía social e solidaria. O sistema da Solución de Controversias entre Inversor e Estado socava o "dereito dos gobernos para regular" e elude os sistemas xudiciais existentes. Baséase en interpretacións parciais realizadas por árbitros con fins de lucro e con conflitos de intereses significativos, sen que exista a posibilidade de recorrer a decisión xurídica ou dun mecanismo de apelación.

O sistema da Solución de Controversias entre Inversor e Estado permite que as corporacións transnacionais demanden un goberno ante un tribunal especial en lugar do sistema xudicial ordinario. Os inversores internacionais poden demandar aos gobernos por "expropiación indirecta", algo que nos últimos anos interpretouse moi interesadamente como a redución dos beneficios esperados cun investimento por leis ou outras medidas políticas. Isto pódese aplicar a moitas pezas da regulación e a política social, incluíndo a sanidade e a educación pública.

Os tratados de protección do investimento e a cláusula sobre a Solución de Controversias entre Inversor e Estado foron utilizados para desafiar a colocación de advertencias sanitarias nos paquetes de cigarros, para impedir a renacionalización dos sistemas de saúde ou a fixación de salarios mínimos, para debilitar ou suprimir regulacións ambientais, para imposibilitar o establecemento de prezos xustos dos medicamentos ou ata para evitar que inversores sexan multados por violar leis e dereitos humanos.

No contexto das negociacións UE-Canadá e UE-EE.UU., fortemente influenciadas polos intereses de Business Europe e outros grupos empresariais, a actual política comercial e de investimento da UE resulta especialmente escandalosa.

Hai poucos meses, a Comisión Europea realizou unha consulta pública sobre o sistema ISDS. Entre marzo e xullo preto de 150.000 persoas e entidades participaron de devandita consulta. Unha abafadora maioría expresou moi claramente que non queren que o sistema ISDS forme parte dos acordos da UE. Especial rexeitamento xeraron as negociacións secretas da UE con Canadá e os EE.UU.

Malia que a Comisión aínda non acabou de analizar as achegas á consulta, a UE decidiu seguir adiante con este mecanismo altamente polémico para despois incluílo no acordo CETA. Creemos que si se ignora a opinión de todas aquelas persoas que participaron na consulta, daríase un sinal extremadamente preocupante á cidadanía europea. Confirmaría a percepción dunha gran maioría social que considera a Comisión Europea como unha institución antidemocrática, cooptada polo poder do lobby corporativo e que non está escoitando á cidadanía.

O 12 de setembro, o Comité de Política Comercial do Consello da UE reunirase en Bruxelas para debater e chegar a un acordo sobre o texto do CETA. Esta será a última oportunidade para que os estados membros expresen a súa opinión sobre o borrador definitivo do acordo.

Considerando as preocupacións dunha gran parte da sociedade sobre o sistema da Solución de Controversias entre Inversor e Estado e tendo en conta que a Comisión Europea aínda está analizando os resultados da consulta pública, demandamos do Goberno español que nesta reunión solicite a que a Comisión Europea elimine o sistema da Solución de Controversias entre Inversor e Estado do acordo CETA.

O acordo CETA podería restrinxir inxustamente o xeito en que os gobernos locais gastan o diñeiro público mediante a prohibición das políticas de "compra local", e crear presión para a privatización dos servizos públicos.

Os estados membros teñen só até o 12 de setembro para facer modificacións no texto. Pero ante o absoluto descoñecemento da opinión pública sobre o texto e as posibles consecuencias derivadas do acordo, non se debe avanzar co proceso de firma e, polo tanto, débense suspender todas as negociacións comerciais da Comisión Europea até chegar a un acordo no ámbito europeo dun Mandado para un Comercio Alternativo que persiga a xustiza social, así como a protección e a realización de todos os Dereitos Humanos e Dereitos Sociais, Económicos e Culturais.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.