A Ciencia xoga na nosa sociedade un papel moi importante pero é un sector no que aínda a participación da muller está pouco visibilizada, malia os logros que moitas mulleres teñen feito. O calendario do STEG quere contribuir a dar a coñecer o papel de algunhas mulleres que fixeron logros importantísimos neste eido. Como exemplos: Hedy Lammar , á que coñecemos como actriz de Hollywood, patentou o “espectro alargado”, que hoxe en día podería entenderse como o precursor da Wifi; a mestra Ángela Ruiz Robles, que inventou para o seu alumnado un antecedente do libro electrónico ou a galega María Wonenburguer, experta na rama matemática da teoría de grupos.
Coa adicación deste calendario á ciencia a Asemblea de Mulher do STEG quere pechar un ciclo que comezou hai dous anos con Creadoras de Pensamento (2014) e seguiu con Creadoras de Opinión (2015). Os tres son eidos determinantes na formación das nosas sociedades pero se os analizamos desde unha pespectiva feminista son partes do saber nas que o ocultamento das mulleres e ás súas achegas é máis agudo.
O Calendario de Mulleres no Tempo tense convertido nun referente entre o material coeducativo a disposición do profesorado galego. Da Asemblea de Muller do STEG salientan que se edita tamén en catalán, castelán e asturiano e valenciano con unha tirada de máis de 20000 exemplares. O calendario caracterízase por ter en cada data unha efeméride relativa a mulleres de ámbito internacional e unhas 70 de ámbito galego. Contén ademáis unha frase por mes con caracter feminista de cada unha das mulleres ás que se lle adica este ano o calendario Mulleres de Ciencia.