Foto do Diário Liberdade - Ativismo contra os despejos em Compostela.
A cidade como espazo activista será o tema da charla que o Centro Social A Comuna (Verea do Polvorín 35) acollerá mañá xoves 29 de Outubro. O encontro terá lugar a partires das 20.00 horas e nel participará o antropólogo Carlos Diz.
Baixo o título Cidade activista: roteiros, corpos e tramas, abordaremos a cuestión dos activismos e dos movementos sociais dende unha mirada antropolóxica, partindo da metodoloxía da observación participante e do traballo de campo multisituado. As vivencias, as prácticas e as tácticas de resistencia serán analizadas en base á interrelación do corpo e da cidade, os dous principais territorios políticos en disputa.
O antropólogo Carlos Diz entende que mirar hoxe á 'cidade activista' é interrogarse pola posibilidade doutras cidades, doutros corpos e doutras políticas para un tempo de transformación democrática.