Dentro das actividades de celebración da FESTA DA PATRIA que organiza o COLECTIVO TERRA de Pontedeume, Xurxo Souto presenta o vindeiro sábado OCÉANO PARA TERRÍCOLAS.
Un espectáculo radicalmente interactivo, porque nel o público asistente descubrirá e, inmediatamente, deberá interpretar cancións dos mariñeiros galegos que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galiza do mar que, por fin, comeza a arribar a porto.
OCÉANO PARA TERRÍCOLAS xurdiu dun xeito espontáneo nas propias presentacións do libro Contos do Mar de Irlanda. Até o momento ten realizado unhas sesenta representacións por diferentes lugares do país, dende a ribeira á montaña, e mesmo tamén en xeografías distantes como Lisboa ou Bruxelas.
Alén desta proposta, na FESTA DA PATRIA que organiza o COLECTIVO TERRA, participarán tamén CELSO SANMARTÍN, mestre de contacontos, e o conxunto bravú TRES TREBÓNS.