Nese gotexo constante de información manipulada conscientemente e difundida polos seus medios de propaganda co fin de infundir medo na poboación, vemos como os grandes beneficiados polas políticas dos gobernos, os que levan todo o pastel, son entre outros o IBEX 35, as transnacionais, a banca, os mercados financeiros... e unha vez máis e coma sempre, as grandes esquecidas somos as persoas que ollamos como se deterioran as nosas condicións de vida.
Fronte a este sufrimento provocado polos distintos poderes, a “casta” política pretende agochar a miseria cunhas políticas sociais miserables. Coa boca grande os distintos gobernos falan de medidas, de plans, de partidas...: das faragullas do pastel, que son totalmente inútiles para combater a desigualdade e inxustiza crecente que padecemos. Declaracións que soan a mofa, que son insultos para aquelas que sufrimos: os longos meses sen recursos, os despexos, os cortes de luz, os meses de agarda pola axuda no fogar...
Na Galiza, Feijóo e Caballero xogan ao mesmo. Ambos son exemplos de como empregar estas políticas para desmobilizar, para representar que “se fan cousas”, para gañar votos; en definitiva para deformar as causas do empobrecemento evitando así transformar e superar un sistema fracasado para as persoas e a natureza. Neste terreo o alcalde de Vigo é alumno avantaxado, as súas mentiras e o seu grao de cinismo o colocan na cume desta nova forma de gobernar. Non ten reparos en mentir dicindo que en Vigo ninguén dorme na rúa ou que vivimos nunha cidade sen despexos xa que el os evita chamando aos bancos.
Pero a realidade é teimuda e de cando en vez aféalles os seus titulares. Dous exemplos recentes:
- Un ano de agarda pola RISGA. As traballadoras sociais do Concello de Vigo están a tramitar expedientes de RISGA de febreiro. A delegación da Xunta en Pontevedra está a tramitar expedientes desta axuda social que entraron en febreiro. Situacións que incumpren a propia lei que fixa en tres meses o tempo máximo para ter resolto un expediente dende a entrada do mesmo en calquera dos rexistros.
- Dous despexos ao día en Vigo no que levamos de ano. Nos primeiros seis meses de 2015, 349 propietarias de Vigo pediron nos xulgados que boten das casas ás inquilinas por non pagamento da renda mensual. Unha cifra de demandas un 15,7 % máis alta que hai un ano.
Algunhas non precisamos comprobar nos xornais o miserable que son as súas políticas xa que as padecemos na nosa vida cotiá. Por iso buscamos saídas colectivas na denuncia, no apoio mutuo, na información ao servizo dos nosos dereitos, na desobediencia, na experimentación -aquí e agora- de formas de vida que superen o capitalismo.
Sentimos noxo: coas nosas necesidades non se fai negocio! Para todas, todo!
Xullo 2015