Hai homes que loitan un día e son bons.
Hai outros que loitan un ano e son melhores.
Hai quen loitan moitos anos e son moi bons.
Pero hai os que loitan toda a vida, eses son os imprescindíveis.
Bertolt Brecht.
Esta frase proverbial de Bertolt Brecht, que obviamente tamén é aplicable ás mulleres, ten máis de oitenta anos, pero segue vixente máis que nunca. Polo menos para os homes e mulleres con dignidade, que sabemos que só coa unidade e a mobilización poderemos cambiar o drama que estamos a vivir. Os indolentes e inxenuos instalados na frivolidade, os egoístas que só pensan co bandullo, quéixanse só cando lles toca e inxenuamente esperan que a situación vaia cambiar, pero nós sabemos que iso só sucederá “cando mexen as galiñas”.
Este vindeiro 18 de xullo ademais de ser a efeméride dramática que deu pé ó actual e corrupto réxime político no estado espanhol, cúmprense dous anos das mobilizacións semanais nas rúas de Cangas, todos os venres. Nestes dous últimos anos fixémoslle fronte á Reforma Laboral, denunciamos os recortes sanitarios e do ensino, opuxémonos á estafa bancaria, denunciamos a corrupción e tamén o atraco de Facenda ós nosos pensionistas. Foron dous anos de agresións do Goberno de Madrid, na súa lóxica de asaltar os dereitos dos cidadáns conquistados con sacrificio e dor durante moitos anos. E para nós, dous anos de compromiso e loita.
A situación dos de abaixo, que somos nós, a clase traballadora e os setores populares, chegou ó límite. O governo seguindo o mandato da troica segue a utilizar a receita do nepotismo e o saqueo contra dos de sempre. Ás medidas antisociais e de asalto ós dereitos laborais, súmanse máis e máis leis e decretos represivos para aferrollar e escarmentar a disidencia e a protesta cidadá.
Moi a pesar dos inxenuos incapaces do compromiso social, o camiño escollido polo sistema que nos oprime, mande quen mande, non ten marcha atrás ate que consigan laminar os máis mínimos dereitos. Eles, os de arriba, non van devolver o roubado, polo tanto e na súa lóxica, a única maneira de reconducir a chamada crise capitalista é seguir apretando máis e máis ós de abaixo.
Só a unidade obreira e popular, só a unidade das distintas loitas e sectores, serán a garantía de darlle a volta a este sistema inxusto onde os haxa. É por iso que facemos un chamamento a todos os veciños e veciñas do Morraço con dignidade para acudir á manifestación o vindeiro venres, 18 de xullo ás 20,00 horas na Alameda de Cangas.
Sexta 18, ÁS 20 HS. TOD@S NA ALAMEDA DE CANGAS
MANIFESTAÇOM