Un altar e tres estacións rupestres que se suman a outras descubertas anteriormente.
É o achado realizado polo cronista do Deza, Daniel González Alén, tras concluír os traballos de investigación realizados na parroquia lalinense de Moimenta. Un lugar no que tamén existen tres sartegos de orixe, probablemente, medieval.
Uns achados que, segundo suliña, son os máis importantes de cantos realizou até agora na comarca de Deza. “Este santuario onde se conxugan cultos pagáns e cristiáns é posiblemente dos poucos que se conserven en Galicia”, apunta.
Os descubrimentos fixéronse na parroquia de Muimenta, un lugar que o investigador xa tiña estudado. De feito, no libro 'A comarca do Deza', que escribiu en colaboración con Armando Vázquez, en 1989 sinalaba que o nome deste lugar “suxire a existencia non termo dunha singular riqueza arqueolóxica e arquitectónica... Non se atopa agora nada que a xustifique, pero queda ou seu recordo e vos seus vestixios”.
Por iso, aposta por situar nesta parroquia o futuro Parque arqueolóxico de Lalín. Pero, antes, di, estes benss teñen que entrar dentro da catalogación e declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) que evite máis danos neste conxunto que ocupa pouco máis dunha hectárea de monte na paraxe coñecida como A Cal-Trasdaigrexa-Monte da Costa da citada parroquia lalinense.
Nun artigo no Faro de Vigo, González Alén destaca que este enclave “foi lugar de culto dos antigos habitantes do país que hai tres ou catro mil anos o encheron de ducias de petróglifos e construíron un altar rupestre para os seus rituais panteístas”. De feito, os romanos tamén deixaron, séculos despois, as pegadas nunha vila nas proximidades e erixiron un templo dedicado a Diana, xa que de aquí saíu en 1916 un ara dedicada a esta deusa que se garda no Museo de Pontevedra.
Coa chegada do Cristianismo o lugar continuou sendo usado para culto construíndose un templo que sería a primeira igrexa dedicada a San Lourenzo; logo, no século XVIII, foi trasladada ao actual emprazamento con traza barroca. Da primitiva queda a evidencia dos tres sartegos que están á vista, aínda que o investigador pensa que pode haber máis soterrados. -Aparecen rodeados por gravados rupestres con case un cento de cazoletas e dúas pozas ben labradas con canles de desaugue, que, escribe “deberon ser usadas coma altar neste santuario que conxuga o pagán e o cristián”.
“Preto deste lugar sagrado dos antigos poboadores, no Monte da Costa localizamos tamén tres estacións rupestres inéditas deica o de agora. A máis próxima é a máis interesante delas, tanto polo número de gravados coma pola variedade dos mesmos”, destaca.
En Moimenta, ademais da igrexa parroquial referida, pódense ver vestixios da Torre da Valouta e do derruído castro no Castrillón ou un petróglifo histórico cun cérvido na Pena da Cruz. Tamén unha mámoa sen catalogar descuberta, vestixios dunha capela, e outra consérvase en Meixomín. “Escoiras romanas, restos de cerámica e unha machada votiva atopáronse ao pé do regato de Albela, no que se poden ollar moitas pontellas, fervenzas e numerosos muíños, batáns e ata un mazadoiro para o liño, e vense bos exemplares de hórreos con curiosos remates”, destaca.