1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

300915 gz romaGaliza - Galiza Confidencial - Unha investigación acredita a dificultade que as lexións romanas tiveron para conquistar a antigua Gallaecia tras a descuberta de seis novos campamentos militares. A súa ubiación pode acreditar que a ruta seguida polos romanos foi a depresión meridiana.


As guerras cántabras só foron en Asturias e Cantabria. É o que se estuda, habitualmente, na materia de Historia cando se fala da conquista romana da península ibérica. Sen embargo, o descubrimento de novos campamentos romanos en terras galegas poden facer cambiar a idea de que a Gallaecia foi pan comido para os romanos.

Un equipo de investigadores de varias universidades e centros de investigación galegos e españois presentou a semana pasada no congreso LIMES 2015 en Ingolstadt (Alemaña), a principal reunión científica sobre arqueoloxía militar de época romana, unha investigación que achega unha nova visión sobre as trazas da presenza militar romana no proceso de conquista do noroeste da península ibérica.

Esta nova visión da conquista romana do Noroeste sostense na análise en conxunto de dezasete novos sitios arqueolóxicos dos que algúns foron publicados polos membros do equipo ao longo dos últimos anos e outros foron presentados en Ingolstadt por primeira vez. A maior parte destes xacementos foron localizados a través do uso de novas tecnoloxías que están a revolucionar o coñecemento arqueolóxico nos últimos anos. Fotografía aérea histórica e actual, sistemas de información xeográfica a partir de bases de datos ou modelos dixitais do terreo a través de datos LIDAR son algunhas das técnicas empregadas.

Os datos obtidos complementan ou amplían a información sobre as operacións militares romanas sobre o territorio de Galiza, Asturias, Cantabria e a Meseta Norte máis alá do ata agora coñecido pola arqueoloxía ou do que contan as fontes históricas romanas que chegaron ata nós.

Seis novos campamentos romanos en Gallaecia

Na investigación presentáronse seis novos campamentos romanos vinculados ao movemento de tropas na Galiza actual ou nas súas inmediacións. O achado é moi importante porque ata agora se descoñecía como fora o proceso de penetración do exército romano en Gallaecia durante a conquista. Os dous únicos fortes romanos escavados e localizados ata agora na Galiza actual, A Cidadela en Sobrado dos Monxes (A Coruña) e Aquae Querquennae en Bande (Ourense), son de época ben posterior ao proceso de conquista.

Cinco dos novos campamentos localizados parecen conformar unha vía de penetración militar no territorio. Un está localizado en Valboa, en Vilafranca do Bierzo, nas portas da vía de acceso natural a Galiza. Tres están situados na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientáis galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio.

Dous destes recintos foran identificados previamente, pero non publicados, por Luís López, da empresa Terra Arqueos. Outro campamento inédito atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). A xeito hipotético, os investigadores sinalan a posibilidade de que os campamentos estean indicando un roteiro natural de penetración no territorio galaico ou de flanqueo das montañas ástures occidentais.

A maiores, os investigadores presentaron dous campamentos novos de grandes dimensións na zona occidental de Galiza. O recinto de Campos, ubicado no concello de Vilanova da Cerveira (Portugal), na ribeira sur do río Miño, e o de Cornado (Negreira), que é ata o momento o campamento máis occidental do continente europeo. Estes dous campamentos poderían estar vinculados a unha importante vía de comunicación natural que artella o occidente galego: a Depresión Meridiana.

A historiografía tradicional e a investigación tiñan identificado diferentes escenarios bélicos das Guerras Cántabras en Asturias oriental e Cantabria, pero os datos actuais amosan a existencia dunha nova fronte bélica, ou alomenos unha nova vía de penetración, entre as montañas orientais luguesas e a costa occidental asturiana. Alí apareceron tres novos castra aestiva (campamentos de campaña) en altas cotas de montaña. Esta fronte non aparece claramente relatada nas fontes romanas.

O equipo de investigadores está conformado por José Costa (Universidade de Santiago de Compostela), Andrés Menéndez Blanco (Universidad de Oviedo), David González Álvarez (Universidad Complutense de Madrid), Manuel Gago Mariño (Universidade de Santiago), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC) e Rebeca Blanco-Rotea (Universidade de Santiago).

A documentación e os materiais poden ser consultados no web romanarmy.eu en varios idiomas e a través dun vídeo interactivo que conduce aos usuarios a cada un dos escenarios investigados.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.