1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

131114 ttipGaliza - Isca! - Estase a falar nas últimas datas sobre o Acordo Transatlántico sobre Comercio e Investimento (ATCI ou TTIP, polas súas siglas en inglés), un perigoso proxecto ao servizo do capital que ten como obxectivo eliminar as «trabas» reguladoras que limitarían unha aínda maior acumulación de capital, de beneficios potenciais e de taxa de ganancia das corporacións transnacionais, como os dereitos laborais, a seguridade alimentar, a privacidade, a regulación bancaria, as normativas sobre tóxicos, a posibilidade de reclamación económica da empresa privada a un estado soberano polas políticas aplicadas e un longo etcétera. Non é só un acordo comercial, é unha ameaza real para as clases populares.


Ao longo destas liñas intentaremos responder a preguntas como que é o TTIP, quen o promove ou como e en que eidos nos afecta.

Que é o TTIP?

O TTIP é o acordo soñado polos grupos empresariais máis grandes das dúas beiras do océano atlántico. O obxectivo que quere conseguir é a eliminación das normativas que afectan ás relacións entre empresas transnacionais que operan tanto nos EEUU como na Unión Europea disfrazando tal fin como un fortalecemento comercial. Os primeiros contactos entre a Comisión Europea e o goberno estadounidense, non confirmados até moito tempo despois, datan do ano 2011 e a partir dos cales se emprenderon unha serie de reunións cos representantes das redes empresariais máis potentes.

O TTIP non é só un acordo comercial tradicional centrado na redución duns aranceis sobre as importacións duns socios comerciais que xa son moi baixos e que apenas poderían reducirse máis. O principal obxectivo é eliminar aquelas normativas, aquelas regulamentacións que podan supor unha «traba» para os beneficios das empresas transnacionais. Isto implica, en esencia, a práctica eliminación de multitude de normativas en segredo para evitar no posíbel o debate e a resposta popular.

O acordo é un ataque de grande envergadura contra os dereitos sociais, laborais, ambientais e civís, xa de por si insuficientes na Unión Europea. Busca tamén crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos ás corporacións transnacionais, o que ameaza con privatizacións masivas na sanidade ou na educación. Mais unha das medidas máis preocupantes do TTIP é que pretende conceder a investidores estranxeiros o dereito a demandar os estados soberanos ante tribunais de arbitraxe privados, creados a tal efecto sen ningún tipo de garantías nin control, para reclamar perdas resultantes de decisións sobre política pública. Eleva o capital transnacional a un status equiparábel ao dun estado, con todo o que iso supón.

Quen o promove? Escuro e sen debate entre os pobos

Todo o relacionado coas negociacións en torno ao TTIP rodéase de opacidade e segredo, tanto que a Comisión Europea afirmou que bloquearía o acceso público aos documentos relacionados coa negociación e desenvolvemento do TTIP por un período de 30 anos. Négaselle o acceso aos documentos máis importantes até aos funcionarios dos gobernos dos Estados membros da UE e, os que si poden ser consultados só estarán dispoñíbeis en salas moi determinadas e estará prohibido facer copias. Algo que non acontece cos representantes do gran capital transnacional, que terán libre acceso a todos eles, o que demostra os intereses reais dun acordo por e para o beneficio das grandes empresas e para o empobrecemento xeral dos pobos e das clases populares.

Unha ameaza ao emprego e aos dereitos da clase traballadora

A aprobación do TTIP vai traer prexuízos «considerábeis e prolongados» (así o recoñece a propia Comisión Europea) para a clase traballadora dos estados da Unión Europea. Os supostos beneficios económicos, tan utilizados como argumento polos defensores do tratado, non son máis que un engano, unha falsidade, uns resultados tan insignificantes como unha mellora do 0,5% nun período de dez anos. Nunha época de fonda crise sistémica na que o desemprego chega a niveis inasumíbeis nalgúns estados como o Estado Español e, nomeadamente no noso país, con terríbeis cifras de máis dun 20% (e máis dun 50% entre a mocidade, cun total de 135.000 de mozas emigradas desde 2007 segundo o último informe da EPA) este tipo de medidas son completamente inaceptábeis. Menos salarios, peores condicións de traballo e maior desemprego, xa que se alenta ás empresas a se abastecer de produtos e servizos dos EEUU, onde as normas laborais son menos esixentes e os dereitos sindicais non existen.

Isto é, o TTIP levará a rebaixar ou eliminar as normativas laborais que garantan os dereitos da clase traballadora e que se poidan ver como unha barreira para o incremento das taxas de ganancia do capital, como por exemplo moitos convenios colectivos, convenios da Organización Internacional do Traballo, liberdade de asociación e sindicación, etc.

Ademais, o TTIP imposibilitaría calquera reforma futura encamiñada a mellorar as condicións do emprego, xa que esta podería ser obxecto de demandas de indemnización por parte das grandes corporacións ao vérense «prexudicadas» por esas melloras e esixirlle ao estados unha compensación económica. Isto disuadiría os estados a introducir novas melloras.

Seguridade alimentaria e medio ambiente

Outro dos grandes obxectivos do TTIP é eliminar os controis e regulacións en materia de seguridade alimentaria, xa que os produtores de alimentos dos EEUU non deben cumprir as mesmas normativas que os seus homólogos europeos, o que frea o aumento da súa marxe de beneficios. Restricións referentes a organismos xeneticamente modificados, pesticidas ou carne tratada con hormonas e promotores de crecemento son uns dos principais obxectivos a eliminar xa que bloquean, desde hai décadas, a exportación de alimentos dos EEUU aos estados da Unión Europea.

Algúns exemplos son moi elocuentes: hoxe en día estímase que o 70% do alimentos procesados para a venda nos EEUU están xeneticamente modificados, o 90% da carne producida nos EEUU contén hormonas de crecemento ou substancias como o cloro e outras son usadas no tratamento de aves antes da súa venda.

Admitiuse abertamente, tamén, que o TTIP afectará de forma negativa ao entorno. Aumentará a produción e o consumo polo que se necesitará explotar cada vez áreas naturais máis grandes, o que causará «riscos para os recursos naturais e a conservación da biodiversidade»; tal e como afirma a propia Comisión Europea. Non só falamos xa dun aumento do número de toneladas de CO2 que se liberan á atmosfera (calcúlase un aumento de once toneladas, cando o deber sería a súa redución) se non que se verá ameazado o propio regulamento en materia de substancias químicas, creado precisamente para protexer as persoas e o entorno daquelas substancias especialmente perigosas para a saúde. Exemplificamos moi ben a gravidade do asunto vendo como na Unión Europea están prohibidas unhas 1.200 substancias químicas nos produtos cosméticos mentres nos EEUU só unhas doce.

Finalmente, e en materia de produción enerxética, abre a porta á expansión masiva do fracking para a obtención de gas.

Asalto aos servizos públicos

O TTIP vén a completar a privatización de diversos servizos públicos como a sanidade, a educación ou a xestión da auga. Especialmente interesante e suculento resulta para algunhas empresas estadounidenses o acceso ao servizos de sanidade, os que ven como vastos mercados esperando ser explotados. En resumo, é a apertura dos mercados dos servizos públicos europeos ao capital estadounidense que cuestionará, segundo eles mesmos din, calquera monopolio público. Só os servizos asociados á seguridade, ao sistema xudicial, á vixilancia de fronteiras ou ao tráfico aéreo fican fóra do acordo. As posibilidades de negocio son inmensas e os beneficios están asegurados a costa dos intereses e dos dereitos do pobo e das clases populares para acceder a uns servizos públicos de calidade, gratuítos e universais.

O acordo tamén inclúe medidas de protección aos investidores estranxeiros que se lancen sobre os servizos públicos. Isto é, os gobernos deberían indemnizar as empresas transnacionais se desexan reverter privatizacións xa feitas onde dita empresa tivese investido.

O problema da privacidade

O acordo tamén trata de incrementar os beneficios do capital limitándolle ás persoas o acceso á información. O capítulo inclúe temas relativos aos dereitos de autor, ás patentes e ás marcas, que pretenden fortalecer o control das corporacións sobre o coñecemento en detrimento do acceso público. Poderían desaparecer exencións de dereitos de autor para bibliotecas, escolas ou educación a distancia. Restrinxirase o acceso público aos datos de ensaios clínicos en beneficio da industria farmacéutica e en prexuízo dos sistemas públicos de saúde.

O TTIP tamén debilitará as leis de privacidade de datos e facilitaralle ás empresas o acceso a información persoal con fins comerciais.

Resolución de disputas entre estados e investidores

A ameaza quizais máis grande do TTIP é a intención de conceder ás corporacións transnacionais o poder de demandar a estados soberanos concretos por perdas económicas derivadas de decisións de política pública. Esta decisión non ten parangón na historia pois equipara a condición xurídica dun Estado á do capital transnacional. Se isto se aproba nos termos previstos daráselle ao gran capital o poder de cuestionar as decisións soberanas dun estado e pedir compensacións económicas cando estas decisións afecten á súa previsión de beneficios.

Estas demandas dirímense en tribunais de arbitraxe irregulares. Non están baixo o control dos estados nin os árbitros son xuíces titulados con autoridade pública, senón un grupo de avogados corporativistas nomeados directamente segundo as necesidades das empresas e, moitos deles, con intereses persoais no tema sobre o cal deben ditar sentencia. Isto non é algo excesivamente novo porque xa existen precedentes.

E nós, que facemos?

Como vimos o TTIP é un acordo deseñado para beneficiar ao capital transnacional que quere expandir o seu acceso aos mercados e eliminar as normativas que limitan as súas ganancias. É o noso deber, primeiramente, rachar o muro de silencio que rodea o tratado e denunciar as súas funestas consecuencias porque son diametralmente contrarias aos intereses populares.

Mais isto non se dá tampouco por casualidade. O proceso de integración na Unión Europea que viviu o noso país leva empobrecendo de xeito continuado o noso pobo. A Unión Europea é un proxecto do gran capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, reducir o sector público á súa mínima expresión convertendo as necesidades da sociedade en nichos de ganancia do capital e centralizar as tomas de decisións afastándoas dos pobos, cunha estrutura nitidamente antidemocrática por definición.

Mobilizármonos contra o TTIP é fundamental, denunciar que non é máis que un síntoma da propia existencia da Unión Europea, imperialista e antidemocrática, deseñada a medida do capital europeo en alianza co estadounidense. Sen opción para a reforma, o futuro máis inmediato pasa pola construción doutro modelo de relación entre os pobos, lonxe de instancias ao servizo do capital transnacional, con estados soberanos e iguais que desenvolvan a súa política exterior independente e en paz no camiño dun futuro socialista.

Rexeitar o TTIP é tamén rachar co proxecto do capital.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.