1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

180116 spGaliza - Sermos Galiza - [R. Castro] Este sábado presentouse na igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela a Associaçom de Estudos Galegos, unha nova entidade cultural, que define como obxectivo fundamental “establecer e regular, a través do seu órgano académico, o padrón lingüístico galego”.


Falamos cun dos membros do seu grupo promotor, Maurício Castro, que vén de abandonar a AGAL.

O pasado decembro producíase a demisión de catro persoas da Comisión Lingüística (CL) da AGAL (Carlos Garrido, Beatriz Peres, Maurício Castro e Paulo Valério) e hoxe mesmo preséntase unha asociación que inicia un proceso preasembleario para fundar unha nova entidade “nacional, de carácter cívico-cultural, que terá como obxectivo fundamental establecer e regular, a través do seu órgano académico, o padrón lingüístico galego, con criterio reintegracionista, perspectiva nacional e en pé de igualdade cos restantes países de lingua galego-portuguesa”, segundo o seu propio comunicado.

Falamos con Maurício Castro, que insiste en que as súas opinións son a título persoal e que a AEG está aberta a colaborar coa AGAL e con outras entidades do ámbito do reintegracionismo.

- Cales son os obxectivos e as propostas desta nova asociación?

- Estamos aínda en proceso de constitución, e polo de agora somos un grupo promotor de 26 persoas que queren crear unha entidade nacional que sexa complementaria doutras que xa existen no ámbito do reintegracionismo. Queremos darlle un impulso á norma galega que historicamente foi creada pola AGAL a principios dos anos 80. De feito, unha boa parte dos que estamos no grupo promotor provimos da Comisión de Lingua da AGAL. A nosa idea é darlle un impulso pola vía máis nacional. Ou sexa, ligar o tema do reintegracionismo non tanto á cuestión internacional da lingua, traer o portugués como lingua estranxeira e demais, e si a tentar socializar máis a idea dun galego reintegrado máis centrado no país, cunha orientación nacional. E para iso que imos facer? Temos en andamento algúns proxectos que non imos anunciar porque aínda non están concretados, mais que van que van na liña de disponibilizar ferramentas, tanto en papel como na Internet, para que a xente aprenda e poida corrixir con ferramentas lingüísticas online, e tamén algunhas edicións en papel. E, alén diso, a traballar no padrón reintegracionista galego, disponibilizar campos léxicos, etc., é dicir, socializar a proposta de léxico galego que xa tiñamos elaborado na CL da AGAL.

- Vai ter outras actividades á marxe da lingüística?

- Si, dentro do grupo promotor temos persoas de distintos ámbitos: economistas, historiadores, biólogos, e o que pretendemos é traballar en comisións, tanto en ciencias sociais como experimentais, e disponibilizar materiais para distintas áreas.Desde unha perspectiva non puramente académica, senón activista e social, porque outro dos obxectivos ligados con todo isto, que aspiramos a cumprir e que ningunha entidade conseguiu cumprir é a de facer de elo de comunicación entre as entidades locais e unha nacional, que sería a nosa. Aspiramos a poder colaborar com as entidades locais, tipo a Gentalha do Pichel, ou a Fundaçom Artábria, ou as escolas que vai haber en diferentes localidades. Imos tentar traballar con eles, tanto para fornecerlles materiais, de tipo pedagóxico, didáctico, lingüístico, como das diferentes áreas. Pretendemos facer un vínculo nacional entre entidades sectoriais e locais, que veñen traballando na cultura ou noutros ámbitos. A nosa idea é conseguir cumprir ese papel, ao mesmo tempo que colaborar con outras entidades reintegracionistas ou non, normalizadoras que hai polo país.

- Algunhas persoas da comisión promotora demitistes da Comisión Lingüística da AGAL. Isto ten que ver con iso ou é un proceso paralelo?

- É paralelo. A CL da AGAL ficou sen quorum precisamente pola orientación que decidiron dar na última asemblea da AGAL.

- Para a xente do común, cales son as diferenzas que vos separan?

- Nós queremos desvinculalo deste tema. Neste momento a maioría da comisión promotora non estivo nunca na AGAL e tampouco queriamos que se visen condicionados polos membros da CL que si estabamos na AGAL e que nos reagrupamos fóra nunha nova entidade para facer ese traballo que fixo a CL da AGAL durante anos e que agora está paralizada. A decisión que tomou a AGAL no tema normativo -baleirar as competencias da CL- fixeron que estea medio paralizada e que agora mesmo non teña nin quorum. Pero son dous procesos diferentes aínda que teñan relación e a nosa idea non é saír en público ligando os dous procesos. O que si é certo é que nós imos seguir traballando no padrón que historicamente utilizou a AGAL, e facelo noso, digamos, e seguir facendo traballos, que a AGAL parece que non ten tanto interese, anda trababllando a nivel editorial e demais. Pero non queriamos enviar a mensaxe de que somos como unha parte da AGAL ou algo así que nos enfadamos, porque non é así. É certo que algúns abandonamos a AGAL porque non concordabamos coa liña que agora segue, pero o interesante para nós é tentar realizar un traballo que ninguén estaba facendo. E dentro diso, tamén está o traballo máis científico, a nivel lingüístico e sociolingüístico que imos tentar seguir facendo na nova entidade.

- Se dicides que ides establecer un padrón lingüístico, parece que claramente colisiona coa AGAL.

- O que si é importante que se entenda é que non se vai crear un padrón novo, todo o contrario. Imos manter o padrón da AGAL. Eles decidiron na última asemblea diluír un pouco o tema da normativa para poder traballar mellor o tema do portugués e abandonar ese ámbito. E por iso a CL ficou baleira de contido no traballo que facía porque á AGAL deixou de traballar ese campo para facelo noutras cousas. Lexitimamente, claro. Trátase de dar continuidade ao padrón que se criou nos anos 80 na AGAL e que é o padrón reintegracionista maioritario que se utiliza na Galiza. Nós queremos manter esa referencia e darlle cobertura a nivel científico, queremos darlle lexitimidade a un padrón que por parte da AGAL estaba a ser medio abandonado. E cremos que para Galiza é mellor que adoptarse máis ao padrón portugués ou ao brasileiro, como defenden outras entidades. En cada país que fala galego no mundo teñen un padrón propio, nós queremos manter o padrón nacional propio galego, imos difundilo, pero non por enfrontamento con ninguén, senón porque cremos que Galiza ten que estar no mundo lusófono, pero coa súa propia variante, non como fai Estremadura. Para nós o portugués non é unha lingua estranxeira e non queremos que o reintegracionismo se reduza a unha especie de lusitanismo. Para nós o galego é a variante do país onde naceu a lingua. Nós queremos manter as diferenzas e as particularidades do galego e non reducir o reintegracionismo a un puro lusitanismo, e recuperar o activismo social e ligar o tema da norma á normalización, a reivindicar o galego como primeira lingua da Galiza e non admitir que do que se trata aquí é que falemos español e teñamos o portugués como segunda lingua, porque ás veces o reintegracionismo cae en discursos dese tipo: “Como xa dá igual, como o galego está perdido, usamos o portugués como último recurso de salvación”. Para nós o galego continúa sendo a lingua deste país e queremos que sexa a primeira lingua, e reivindicaremos o dereito colectivo á lingua do noso pobo, coa orientación reintegracionista.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.