Un dos motivos polos cales xurdiu o Centro Social A Comuna foi para estreitar lazos e crear un proxecto de transformación comunitaria. Por esta razón, queremos convidar a todxs xs que o desexen a que se acheguen á primeira edición de Artesanía na Comuna. A Comuna vai acoller a diversas persoas que traballan coas súas mans para que poidan amosar o seu traballo. Durante este día as artesás e artesáns exporán as súas creacións e como a xornada vai ser longa, imos substituír o Xantadoiro Popular de todos os meses por petiscos variados (tamén para veganos), música e moita animación.
Dende o Centro Social A Comuna queren reivindicar os antigos mercados e postos nas rúas e prazas de Montealto e do resto da cidade, e fomentar que o consumo deste Nadal sexa responsable e de proximidade. Responsable porque non queren encher os petos dos mesmos de sempre, aqueles que se aproveitan do traballo escravo ou da explotación; e de proximidade porque queren beneficiar á xente da contorna que ten creatividade e que ten a artesanía como a súa forma de vida.