Para o SLG, estas axudas poden ser positivas sempre e cando se entendan como unha compensación puntual a unhas perdas extraordinarias debidas a uns prezos anormalmente baixos dos que as granxas son vítimas. Pero se o que queremos son solucións a un problema que xa resulta endémico no lácteo e noutros sectores agrogandeiros, a única solución posible é a de fixar un prezo que cubra os custes de produción e que permita ás granxas ingresar unhas rendas dignas polo seu traballo; calquera outra medida será un parche que pode axudar momentaneamente, pero non solucionará o problema.
Feitas as devanditas aclaracións, se o Ministerio de Agricultura quere que as axudas anunciadas sexan efectivas para paliar as perdas económicas que están encaixando dende hai meses as granxas leiteiras, estas deberán ser suficientes en contía e beneficiar tódalas granxas afectadas pola crise sen discriminación de ningunha caste por pertencer ou non a unha determinada organización, asociación ou sindicato.