Rexístranse moldes de cunchas e moluscos mariños sobreimpresionados nas rochas a 300 metros de altura.
As bravas augas do Atlántico arreciando contra a costa de Carnota que podemos contemplar dende o alto do Monte Pindo, situado a 300 metros por riba do nivel do mar, bañaron hai séculos as mesmas abas que hoxe serven de espectacular mirador.
Así o corrobora o achado de fósiles mariños nunha das zonas máis virxes dun espazo natural e xeolóxico único, que busca a súa protección a través da figura de parque natural. "No alto do Monte Pindo aparecen vestixios da época na que aínda estaba baixo das augas do mar", explican dende a asociación Monte Pindo, Parque Natural. Así o documentou un apaixonado da paisaxe e membro da asociación no seu blog República de Carnota, onde explica como no medio dunha vasta extensión de outeiros e penedos poden recoñecerse como sobreimpresas nas rochas de granito cachotes de xisto, seixos, bolos e moldes das cunchas, de moluscos mariños parecidos a ostras e peneiras, "unidas por un cemento de area silícica que lle da ó conxunto a aparencia dun formigón basto".
Considerado un dos Puntos de Interese Xeolóxico, o achado destes restos fósiles vén completar o rico patrimonio do que goza o Olimpo Celta, un dos lugares máis máxicos da Galiza, lar de figuras míticas como a do Guerreiro evocado por Otero Pedrayo e de ata unha vintena de especies protexidas. Un inmenso valor que dá novo pulo á petición dun cento de veciños da Costa da Morte a reclamar a protección do Monte Pindo para sacalo do abandono ó que está sometido.