A PGA tramitou unha denuncia ante a Fiscalía sita en Santiago de Compostela, pola presenza do crecemento de rebrotes dos cultivos modificados xeneticamente nunha parcela da localidade coruñesa de Mesía. A finca que noutro tempo fora autorizada para experimentar con diferentes variedades de millo modificado xeneticamente, foi cualificada como non apta para a recolleita do millo e determinouse levantar o ensaio de forma prematura.
Os cultivos de ensaios transxénicos descualificados en determinadas parcelas, e segundo establece a normativa, deberán ser obxecto de inspeccións e controis que garantan o cumprimento de todas as medidas de bioseguridade, polo que a parcela onde se produciu a liberación debera visitarse polo menos durante o ano seguinte para asegurar a retirada das “plantas adventicias” e garantir a súa destrución antes da floración.
Perante esta situación de ameaza para a saúde humana e para o medio ambiente, a PGA dirixiuse á citada Fiscalía solicitando unha investigación e a execución das acción xudiciais ou administrativas que sexan procedentes. A Fiscalía, pola súa parte, require datos e documentación á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e á Subdelegación do goberno na Coruña.
Foto: Matrix