No caso de Vigo, a mobilización terá lugar ás 12:00h., partindo da Praza de España, con percorrido até a Porta do Sol. Trátase dunha nova chamada á mobilización motivada pola determinación da cidadanía (auténtica convocante desta manifestación) a facer fronte a un sistema inxusto, desigual e indigno.
A desigualdade é un mal endémico e crecente da nosa sociedade. Así, os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres cada vez máis pobres, coa particularidade de que este segundo grupo está medrando a marchas forzadas como resultado das políticas neoliberais aplicadas en Europa. Esta desigualdade destápase como consecuencia lóxica dun sistema creado para favorecer á minoría privilexiada a costa dunha maioría sometida, que ve ademais como os seus chamamentos á xustiza social son reprimidos polas forzas de seguridade.
Amparado no argumento da austeridade, os actuais sistemas económico e político teñen como consecuencia o empobrecemento alarmante e innegable da cidadanía, en beneficio da elite capitalista que concentra e exerce o poder. Un empobrecemento económico, de dereitos, de liberdades e mesmo de dignidade.
Non é unha opción: é unha responsabilidade. É preciso que o pobo faga por fin fronte ao sistema empregando aqueles mecanismos e ferramentas que teñamos ao noso alcance. Intentan mingualos, pero aínda quedan alternativas para poñer fin á pertinaz perda de soberanía popular á que nos queren someter.
O vindeiro 1 de xuño, saiamos á rúa para dicir que todxs nós estamos contra este sistema que dende vai xa tempo está en contra nosa. O vindeiro 1 de xuño, todxs unidos contra a troika.