E así, unha vez máis, incídese no emprego da sanción administrativa contra o progresivo incremento da movilización cidadá e a resposta social, incremento que, por outra banda, o mesmo estado está forzando, a través da implementación de medidas de recorte de dereitos e liberdades (por non falar dos recortes no ámbito económico) dende o comezo da crise.
O aumento da represión exercida por parte do goberno (a través das forzas de seguridade) no estado español nos últimos tempos, non é un feito descoñecido. O proceso de estigmatización desa parte da cidadanía que sae á rúa para reclamar pacíficamente os seus dereitos, e mesmo dos movementos sociais, que dende fai tres anos veñen encabezando a maioría das mobilizacións, tradúcese en demasiadas ocasións (debido á base cultural herdada do franquismo por parte das forzas de seguridade, baseada na represión e o emprego da forza) en maltrato policial, detencións inxustificadas e sancións. Non en balde, o Comité Europeo para a Prevención da Tortura enviou o pasado ano un informe de máis de 100 páxinas ao goberno español, no que acusaba ás autoridades españolas de non investigar as denuncias por malos tratos interpostas contra membrxs das forzas de seguridade (concretamente, da Guarda Civil).
A lei mordaza implica a eliminación do dereito de manifestación, o de reunión e de libre expresión. Desde xeito, a clase poderosa pasa de ningunear a estas persoas, a reprimir as súas lexítimas manifestacións de protesta, ao tempo que empregan os medios para desinformar ou silenciar estas manifestacións. O punto seguinte, no que nos atopamos agora con este proceso de aprobación da lei mordaza, é xerar un marco a través do cal sexa posible ilegalizar os dereitos de manifestación e de reunión, asfixiando así a protesta social pacífica, obxectivo último, aínda que encuberto, desta lei. Así, o poder ignora primeiro, silencia despois e deslexitima finalmente todas aquelas voces que non comulgan coa súa política.
Son moitas as implicacións que encerra a aprobación da lei mordaza. Entre elas, socava o dereito de información e, polo tanto, o traballo xornalístico. Por outra banda, e ligada á represión informativa e a limitación dxs profesionais do xornalismo no exercicio do seu oficio, a lei mordaza promove a impunidade policial, ao prohibir a xornalistas e cidadanía fotografiar á policía mentres esta actúa. Implica, demais, un incremento da contía das sancións aplicadas contra a cidadanía; por poñer algúns exemplos, as manifestacións pacíficas non convocadas suporán multas de ata 600.000 euros, e a negativa a idenditificarse ante un axente, aínda de xeito pacífico, levará consigo unha multa de entre 600 e 10.000 euros. Por se iso fose pouco, a lei mordaza supón tamén un incremento do número e o tipo de actividades que, no marco dunha manifestación, poden ser consideradas como infraccións.
Pero aínda hai máis: a lei mordaza trae consigo unha innegable redución das garantes da cidadanía fronte á administración, que se reserva, cun vocabulario vago e impreciso, a "interpretación" das situacións. Esto leva a que, entre outras cousas, as persoas poidan ser retidas de xeito preventivo, o que equivale a dicir que unha persoa pode ser detida sen ter feito nada do que poida, sequera, ser acusada, alegando só motivos de prevención.
O goberno tende a confundir, interesadamente, posturas opostas á súa política con violencia e terrorismo. Equiparar as prácticas pacíficas e lexítimas de protesta con manifestacións violentas non deixa de ser unha técnica enganosa, ademais de unha falsedade na que cada vez menos xente confía. A oposición frontal da cidadanía española fronte a lei mordaza é unha proba. Nesta liña, solicitouse ao Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Nils Muižnieks, con copia aos membros da Comisión de Asuntos Xurídicos e Dereitos Humanos da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, que actuasen apoiando á cidadanía española fronte a “lei mordaza”.
E ao tempo que a cidadanía é cada vez máis crítica coas mensaxes e as políticas que chegan dende o goberno, o activismo cobra cada día máis forza a pesar da represión. O recorte das liberdades ten efectos... xusto os contrarios ao pretendidos.