1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

ence-placeres 42694558Galiza - APDR - Diante da polémica xurdida sobre a contaminación microbiolóxica da Ría de Pontevedra e sobre a contribución que os vertidos da empresa ENCE teñen na mesma, na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) entendemos necesario facer as seguintes puntualizacións:


1.- Por máis que a moita xente lle poida resultar estraño, os coliformes fecais non teñen unha orixe exclusivamente fecal; en efecto, estas bacterias –evidentemente cunha elevada presenza nos excrementos dos mamíferos- teñen diferentes orixes e, ademais, poden colonizar diferentes “nichos ecolóxicos”; de feito, están practicamente en todas partes: nas augas, nos solos, no ar, nas nosas mans,... e proliferan de forma exponencial cando se dan as condicións ambientais propicias, nomeadamente en presenza de materia orgánica, auga e temperaturas máis ou menos elevadas. Neste sentido, teñen no proceso de fabricación da pasta de papel un “caldo de cultivo” particularmente favorábel para a súa proliferación, algo que se vén constatando en traballos científicos de rigor contrastado desde hai xa uns 15 anos e que temos posto de manifesto desde a APDR en numerosas ocasións.

2.- Desde hai algúns anos, Augas de Galicia mide -nas escasas inspeccións realizadas nos vertidos de ENCE- a contaminación microbiolóxica, obtendo en todos os casos resultados que confirman a presenza –entre outros- de coliformes fecais e Escherichia coli, razón que nos moveu a solicitar de forma reiterada o control da contaminación microbiolóxica nos vertidos da empresa ENCE e a inclusión destes parámetros entre os establecidos como de obrigado cumprimento na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI).

3.- O resultado das análises da mostra recollida por Augas de Galicia na inspección realizada por sorpresa o 12/09/2013 na fábrica de ENCE, indica unha elevadísima presenza de coliformes fecais no vertido de ENCE (>1000000 ufc/100 mL), o que sen dúbida é preocupante se temos en conta a incidencia destas bacterias na Ría, particularmente no sector marisqueiro, e o volume de vertido de ENCE (entre 35.000 e 40.000 m3/día).

4.- O coñecemento destes datos causou a lóxica preocupación no sector marisqueiro e, ao tempo, a resposta de ENCE que, unha vez máis, pretende eludir a súa responsabilidade negando a existencia deses datos e desviando a atención sobre a APDR a quen acusa –entre outras cousas- de mentir.

5.- ENCE mente cando di que nos seus vertidos non hai coliformes fecais como mente tamén cando acusa á APDR de agachar información; acúsanos a empresa de non ter falado dos resultados da chamada mostra “dirimente” cando iso é falso. Tanto na asemblea celebrada coas confrarías da Ría coma na rolda de prensa diante dos medios de comunicación, deixamos claro que, no caso da contaminación bacteriolóxica, a mostra dirimente perde o seu valor; tal e como recolle o garda fluvial en representación da Administración na Dilixencia de Inspección do 5/11/2013, “non é posíbel a análise dos parámetros microbiolóxicos tras a conxelación das mostras”, razón pola que non colle a alícuota correspondente á mostra dirimente. E non debemos esquecer que esa acta está asinada por D. Carlos Casas de Ron, Xefe de Calidade e Medio Ambiente de ENCE-Pontevedra, polo que non poden alegar descoñecemento nin desacordo neste aspecto.

6.- Da análise da nova mostra (recollida en frasco estéril por Augas de Galicia o 5/11/2013) derívase máis unha vez a responsabilidade de ENCE no vertido de coliformes fecais á Ría; en efecto, esta nova mostra presentou unha concentración de coliformes fecais de 3.000 ufc/100 mL. A diferenza de niveis de contaminación bacteriana entre esta mostra e a tomada dous meses antes pode vir xustificada pola máis que posíbel dilución do vertido na mostra do mes de novembro, unha práctica ilegal recoñecida como habitual polo Sr. Casas de Ron na acta da dilixencia de inspección correspondente ao día 29 de novembro de 2012 (Código da inspección: DS-JVG-291112-AA1). De acordo co informe realizado polo técnico da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, durante a inspección ás instalacións de ENCE, o Sr. Casas indicou que “a empresa conta con tres balsas de emerxencias con auga natural, que empregan sobre todo para diminuir a temperatura das augas residuais tratadas á saída dos decantadores secundarios, no caso de ser necesario”. Na reportaxe gráfica que acompaña ao informe, pódese ver a “chave de paso” que permite introducir auga limpa procedente das citadas balsas de emerxencia para mesturala coa contaminada procedente do sistema de depuración.

7.- Resulta certamente insultante que ENCE, lonxe de recoñecer a realidade derivada dos resultados das análises realizadas por Augas de Galicia nos seus vertidos, propoña unha mesa (na que se supón estaría a propia empresa) para buscar solucións aos problemas de contaminación da Ría; a aceptación desa mesa por parte da administración e o sector sería admitir que se pode poñer ao raposo ao coidado das galiñas, e implicaría, ademais, unha deixación de funcións por parte da administración responsábel deste particular, que dunha vez por todas ten que abordar o problema con seriedade e independencia e impoñer as sancións pertinentes a quen resulten responsábeis.

8.- Xa por último, queremos deixar claro que na APDR sabemos que os vertidos de ENCE non son a única causa de contaminación bacteriolóxica da nosa Ría; a existencia de algúns vertidos urbanos que seguen saíndo á Ría sen depurar e os episodios de mal funcionamento da depuradora de Os Praceres, son causa concomitante coa contaminación industrial e, xa que logo, requiren tamén da atención e solución por parte da Xunta de Galicia.

Pontevedra, 20 de maio de 2014

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.