A juntança da que surgírom estas reivindicaçons produziu-se ontem (3 de abril), e chama a resolver tanto problemas surgidos com motivo do dramático incêndio deste fim-de-semana como outros com raízes mais antigas, como o conflito existente entre a vizinhança local e o Parque Natural.
A plataforma popular foi constituída fai escassos dias e após o começo do lume no singular espaço protegido, uma das mais importantes áreas naturais da Europa, que permanecia sob a ameaça de projetos mineiros, madereiros, urbanísticos e isolado sem medidas de vigiláncia, prevençom nem extinçom adequadas.
A seguir, a tabela reivindicativa da Plataforma em Defesa das Fragas do Eume:
A Plataforma para a defensa das Fragas do Eume esixe a aplicación da seguintes medidas por parte da Xunta de Galicia.
1º.-Investigación exahustiva das causas que provocaron o incendio e das actuacións levadas a cabo na prevención e extición do mesmo tomando medidas de depuración de responsabilidades políticas.
2º.-Adopción inmediata de medidas e accións conducentes a minimizar e paliar no posible os efectos do incendio no ecosistema do Parque Natural (monte, río e ría).
a.-Evaluación dos impactos medioambientais e económicos causados polo incendio e posterior erosión.
B.-Inicio do proceso de rexeneración da zona afectada.
3º.-Adopción de medidas políticas e administrativas para que ninguén se beneficie de xeito directo ou indirecto das consecuencias do incendio.
4º.-Aumento de recursos materiais e humanos (beneficiando na medida do posible aos propietarios e veciños do parque) para a prevención e extinción do lume nas Fragas do Eume. Recuperación do posto de vixianza no Parque.
5º.-A elaboración urxente e inmediata do obrigado Plan Rector de Usos e Xestión do Parque, asi como o programa forestal coa súa correspondente dotación económica, consensuados cos propietarios, organizacións ecolóxistas e outros colectivos.
6º.-Realización das xestións necesarias para rematar co conflicto social existente entre os propietarios e a Xunta desde a creación do parque.
7º.-Que se garanta en todo momento o caudal ecolóxico do Río Eume e afluentes.
8º.-Dotacións económicas especificas nos orzamentos da Xunta de Galicia de partidas destinadas para a protección e posta en valor dos espazos protexidos, nomeadamente o Parque Natural das Fragas do Eume.
7º.-A retirada da Lei de Montes en trámitación parlamentaria por non apostar pola diversificación dos usos do monte e sí pola entrega do mesmo aos monopolios da madeira e o fomento do monocultivo (fundamentalmente do eucalipto).
8º.-Modificación da política do lume. Máis prevención menos extinción.
Foto: PDFE