O novo portal dixital naceu hai uns días coa vontade de converterse en referente para toda a esquerda anticapitalista, en galego, sen sectarismos e dando voz ás loitas do movemento feminista, ambiental, obreiro, antirrepresivo, cultural ou nacional, entre outros.
A comunicación alternativa aos medios convencionais acaba de sumar no país un avance máis: o Diário Liberdade. Preséntase como "portal anticapitalista da Galiza e os países lusófonos", e ás noticias recollidas nas páxinas web de distintas organizacións e colectivos de base ou enviadas por estes, engade entrevistas, reportaxes, vídeos e artigos de opinión.
Todo con traballo voluntario, sen ánimo de lucro e coa vontade de contribuír ao exercicio do dereito da información "por parte da maioría", con independencia "dos grandes poderes económicos e empresariais", dando voz ás loitas feministas, ambientais, obreiras, antirrepresivas, culturais, nacionais... Diego Bernal é un dos fundadores deste proxecto.
Publicades novas non só de aquí, senón de Portugal, Brasil, África, Asia...
O portal o que fai é recompilar as noticias de webs, blogues do movemento popular: organizacións políticas, asociacións culturais... Tamén nos envían a información. Na medida do posible, os que estamos envolvidos nisto dedicamos o noso tempo de lecer para facer reportaxes, entrevistas...
Cantas persoas estades envolvidas no proxecto?
Ao comezo eramos catro ou cinco. Despois foise sumando máis xente, e hoxe é difícil dicir cantos somos. Cada un de nós ten os seus contactos, estes lévannos a outros...
Traballades en rede, a través de internet e con contactos, daquela. Supoño que a idea era facer algo como Kaosenlared, pero centrado nos países lusófonos...
Non é exactamente que a orixe de Diário Liberdade sexa Kaosenlared. Kaosenlared é un colectivo catalán, que se centra no tema hispánico. Tamén ten unha sección galega... Algúns dos que estabamos en Kaosenlared somos dos que impulsamos Diário Liberdade. Os galegos temos unha lingua internacional, que é algo que non lles acontece aos cataláns e aos vascos, e por que non aproveitalo...
En realidade xa existen iniciativas semellantes á vosa, como Indymedia Galiza, Galizalivre... Pero o voso proxecto procura máis o formato de xornal dixital...
Si, hai outros portais de contrainformación. A nós parécenos importante coidar os detalles estéticos, procurar que a lectura sexa agradable como fan os medios convencionais. E tentamos tamén que haxa unhas regras do xogo: que non haxa insultos...
En Indymedia publicaron, precisamente, un comunicado pedindo respecto entre compañeiros, pois unha minoría insulta, calumnia... Vós mesmos dicides que non vos interesan os sectarismos...
Nós pretendemos que haxa o maior debate posible dentro da esquerda, ademais o debate sempre favorece que haxa máis visitas. Pode haber críticas, pero haberá uns límites: non insultar... Traballamos por turnos, un equipo reducido, e o dos comentarios dá moito traballo...
É interesante a estrutura de seccións. As noticias son clasificadas segundo as categorías muller, represión, dereitos nacionais, migracións, batalla das ideas, antifascismo Parte son temas que case non saen nos medios convencionais, ou saen pero con outro enfoque...
Nós non nos rexemos por parámetros empresariais ou lucrativos. Non temos fins lucrativos. Somos un xornal dos que queremos un mundo diferente, no que queremos que estea todo ese rico mundo das asociacións populares. Queremos informar do que os medios burgueses censuran ou distorsionan. Por iso dicimos que queremos darlles voz aos que non a teñen, porque se lles nega o seu espazo.
Tedes informacións na norma da AGAL, en portugués padrón... Cal é o criterio?
Que estea en galego. Na norma da AGAL está a estrutura do portal. Pero hai varias normativas, e por iso non temos problema. O que estea en galego do ILG meterase en galego do ILG...
E tedes vídeos, Facebook, Twitter...
O das redes sociais é moi interesante, se te chuzan, ou estás no menéame que é Chuza español, sempre vas ter máis visitas... Facemos como o resto dos medios, no aspecto técnico, dentro das nosas posibilidades: nós somos unha asociación cultural... A web ten defectos, pero é que levamos oito días e o informático non dá feito. Actualizamos todos os días, na columna da esquerda da portada está Galiza, e na da dereita os países lusófonos, abaixo mundo... En cada noticia ademais da categoría imos poñer o país...
Unha das cuestións nas que incidides é que actuades segundo un modelo de xestión democrática...
Temos vontade de contribuír a democratizar a información, que é algo que nos parece moi necesario. E traballamos con absoluta liberdade. Guíannos parámetros morais e éticos, que non poden guiar ningún xornalista profesional, porque non depende del, senón do seu dono, que é un empresario. Nós dedicámoslle a isto o noso tempo de lecer, e sabemos que estamos contribuíndo para unha causa xusta.
Nos colaboradores de opinión hai moitos galegos.
Estamos contactando con xente do resto da lusofonía. Xa se puxo en contacto con nós xente do Brasil, un xornalista de Timor-Leste... Hai un banner no portal desde o que a xente pode pórse en contacto con nós se coñece outras linguas e quere axudarnos a traducir...
Salientades tamén que non queredes ser voceiros de ningunha corrente política. E que non atoparán espazo no voso medio nin os "políticos do sistema" nin as organizacións "pro-capitalistas ou assimiladas". A liña é, daquela, todo o que estea dentro da esquerda anticapitalista...
O movemento popular é heteroxéneo, e para nós é importante procurar o equilibrio, que todo o mundo estea contento. Imos dar prioridade ás organizacións que fan cousas, frente ao que sexan só posicionamentos sobre algo... Queremos que todos se sintan cómodos, e que este sexa o seu portal de referencia.
As frases:
"Temos vontade de contribuír a democratizar a información, que é algo que nos parece moi importante. E traballamos con absoluta liberdade. Guíannos parámetros morais e éticos"
"Queremos que todo o mundo estea contento e se sinta cómodo. Imos darlle prioridade ás organizacións que fan cousas, frente ao que sexa só pronunciamentos sobre algo"
"A nós parécenos importante coidar os detalles estéticos, procurar que a lectura sexa agradable. E tentamos tamén que haxa unhas regras do xogo: que non haxa insultos"
Foto: Pola esquerda, Maurício Castro, Diego Bernal e Alberto Pombo, fundadores do proxecto (Foto de Manel Márquez, Kaos en la Red)