1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

141110_xurxoGaliza - Galiza Confidencial - Ten 33 anos, pero unha longa experiencia tentando ordenar o noso pasado. Foi director das escavacións dos castros do Neixón (Boiro), participou en misións internacionais en Etiopía e este verán codirixiu as escavacións da Lanzada. Tras a polémica do Castro de Langosteira, Xurxo Ayán fala claro da situación do noso patrimonio. Por iso non dubida en criticar a todos os responsábeis das desfeitas e abandonos patrimoniais.


Logo do acontecido no castro de Punta Langosteira, cales son os principais problemas que existen para conservar o noso patrimonio?

Primeiro, a indolencia das Administracións perante as presións de intereses políticos localistas e de partido.

Segundo, a inexistencia dunha conciencia crítica e democrática na meirande parte dos profesionais que nos adicamos á Xestión do Patrimonio Cultural.

Terceiro, o patrón cultural asumido pola maioría da poboación galega que manexa unha idea clara de Progreso na que o Patrimonio Cultural é un estorbo.

Cuarto, a dilapidación de fondos europeos en proxectos que unicamente empregan o Patrimonio como excusa.

Quinto, a minusvaloración do poder crítico e concienciador do asociacionismo cultural de base.

Como é posible que aconteza este tipo de actuacións?

Baixo o meu punto de vista existe unha serie de infraestruturas de carácter estratéxico para a Comunidade, grandes obras públicas como as autovías de acceso a Galicia da década de 1990. Este tipo de obra conta cun trazado que non é doado modificar, polo que pode afectar de cheo xacementos recoñecibles na paisaxe, invetariados e catalogados. Neste caso, unha detallada escavación en área, ben divulgada, difundida e publicada compensa a destrución inevitable dese elemento do Patrimonio arqueolóxico. No caso de Punta Langosteira habería que debatir cuestións como a necesidade real desa obra, de quen eran realmente as competencias para autorizar e seguir ese proxecto (se a Xunta ou o Estado), e por que se secuestrou o xacemento cunha política hermética de xestión da información e mesmo de acceso á escavación.

Isto producese como froito dunha obra pública. É a arqueoloxía de urxencia un parche á falla de investigación arqueolóxica?

Considero que o apelativo arqueoloxía de urxencia, arqueoloxía de xestión son termos pexorativos e despectivos de uso común pola Academia a fins dos 80 e comezos dos 90 para referirse a unha prática arqueolóxica inserta no Mercado á que se lle negaba o seu papel na investigación arqueolóxica. A día de hoxe, contamos cun amplo rexistro arqueolóxico, novidoso e ben traballado desde o punto de vista metodolóxico, para coñecer mellor a Prehistoria Recente e a Protohistoria de Galicia, gracias ao traballo de profesionais serios e rigorosos no eido da Avaliación e Corrección de Impacto Arqueolóxico. Basta con ver os noticiarios Actuacións arqueolóxicas da Xunta de Galicia (2006-2008) para darse conta disto.

Agora ben, existe toda unha serie de problemas doadamente recoñecibles e que se poden resumir nesta realidade: a meirande parte dos informes valorativos destas intervencións cumpren perfectamente o expediente administrativo, pero apenas falan de Arqueoloxía. A nula aplicación das esixencias legais e de códigos éticos fai que ese coñecemento quede esquencido e arquivos, nin se divulge nin chegue á sociedade. Todo o contrario do que acontece en Irlanda e o Reino Unido, ou en Francia co papel que xoga o INRAP, por exemplo. Con todo, o máis grave é a concesión aos intereses das empresas constructoras contratantes (presupostos, prazos de obra e até subornos) en detrimento da calidade do traballo. Voltando ao cerne da pregunta, é indubidable que os investimentos en Cultura diminúen ao mínimo en tempos de crise por parte de determinados gobernos. A Arqueoloxía que está no Mercado é financiada polo Capital porque a este non lle queda máis remedio (por Lei), pero procurar financiación da Administración para levar cabo escavacións arqueolóxicas xa é outro conto.

Que pasa, que tampouco para o noso patrimonio hai cartos?

Iso habería que preguntarllo aos responsables políticos que xestionan os cartos de todos os cidadáns. En todo caso, os políticos non son tontos (neste caso) e como non ven unha demanda patrimonial na maioría da poboación prefiren investir noutros ámbitos de actuación máis rendibles electoralmente. Os fondos que se adican a nivel patrimonial enmárcanse nos últimos tempos na Cidade da Cultura, o Plan E, o 1 % cultural e diferentes programas europeos (FEDER, PRODER, INTERREG...). Este é o abano de posibilidades para captar financiación pública. Fóra diso queda a procura de sponsors, fundacións ou o autofinanciamento.

Por desgraza, situacións como a de Coruña xa se repiten, como en Oia ou en Boiro, nos castros do Neixón. Un xacemento que vostede escavou durante sete anos. Cóntenos que pasou alí.

Entre 2003 e 2008 levouse a cabo un proxecto de Xestión Integral do Patrimonio nos castros de Neixón, o proxecto de meirande continuidade daquela en Galicia. A intervención iniciouse na fase final do mandato local do PP e viu pasar un goberno tripartito e un bipartito de esquerdas. A escasa financiación foi compensada por un forte investimento do CSIC. A ruína económica e moral do Concello de Boiro levou ao impago das últimas dúas campañas de escavación e á difamación do equipo de escavación. O artífice deste novo escenario foi Víctor Barbeito Pose quen dende que entrou de arqueólogo no Centro Arqueolóxico de Barbanza en 2006 por ser amigo do concelleiro de Cultura Xerardo Piñeiro, porfiou en acabar co noso proxecto para colocar alí aos seus colegas. O campo de traballo internacional sustituiuse por unha pequena intervención desenvolta por unha empresa privada que emprega alumnos de Facultade. Feito isto, Víctor Barbeito apoiou ao PSG local (á quen lle debe o seu posto de traballo) para levar a cabo unha ampliación innecesaria do Centro Arqueolóxico que destruiu parte do xacemento e do campo da festa no que a comunidade local celebra a afamada Romaría de Neixón a comezos de agosto. A nosa denuncia non recibiu resposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. Toda esta desfeita fíxose coa autorización da Delegación de Cultura de A Coruña, e co apoio entusiasta do PSG (o ex ministro de Cultura, o delegado do Goberno, o presidente da Deputación cursaron visita para ver o avance das obras). Tedes información dabondo de todo este proceso na denuncia que fixemos no Xornal Certo (Neixón. A Nosa Torre).

En Reino Unido ou en Suecia o patrimonio é unha fonte de riqueza. Por que non aquí?

Se facemos unha análise histórica, veremos que en ambos os dous país o trunfo da Revolución industrial nos séculos XVIII e XIX levou a unha fonda concienciación patrimonial de cara a preservar na medida do posible a paisaxe rural tradicional. Neste senso, en Suecia erguéronse o primeiros parques etnoarqueolóxicos, con recreacións folkies de aldeas que amosaba o modo de vida tradicional. Tamén a Museística se desenvolveu notablemente na área escandinava. O peso dunha burguesía liberal tamén tivo moito que ver na potenciación do asociacionismo. En Galicia unicamente contamos nesa liña coa Sociedad Aarqueológica de Pontevedra dirixida por Casto Sampedro. Por outra banda, o troco do modelo produtivo fixo ver a potencialidade do Patrimonio como recurso económico a comezos dos anos 1980. A aparición de English Heritage no Reino Unido, a xeralización de actividades de Living History, de parques e centros arqueolóxicos autofinanciados, o desenvolvemento dunha Arqueoloxía social incluso no eido da Corrección de Impacto... debuxaron un panorama moi diferente. En troques, en Galicia considérase a Cidade da Cultura e a visita dun Papa como fontes de riqueza. Somos así.

Que habería que cambiar para mudar esta situación?

O que fixeron as escolas de indianos e a Misións Pedagóxicas: Educación, educación e educación.

Está a sociedade galega preparada para este cambio? Os que non están preparados son os nosos políticos. Temos unha Autonomía dende 1981 e o balance é para botarse a chorar. Amplos sectores da sociedade van por diante da clase política. Un paseo virtual polo blogomillo abonda para decatarse da distancia abismal existente entre a política cultural oficialista e institucionalizada e o que demanda a sociedade galega.

Vostede tamén ten realizado traballos de recuperación da memoria histórica. Por que pensa que este segue sendo un tema difícil para determinadas administracións?

Contestarei con tres exemplos:

1.O líder da oposición foi convidado a unha homenaxe na Universidade de Santiago de Compostela para exaltar a figura de Rajoy Leloup, intelectual conservador e un dos artífices do Estatuto de 1936. Por ese motivo fóra depurado como docente. Mariano Rajoy, a diferenza doutros familiares, denegou o convite e non acudiu a esa homenaxe.

2.Énos máis doado escavar, investigar e divulgar os esqueletos galaicorromanos da necrópole da Lanzada, que investigar sobre os asasinados e soterrados na praia da Lanzada en 1936. É máis doado estudar o exterminio da guerrilla etíope por parte do fascismo italiano (como temos feito con Alfredo González Ruibal) que investigar a represión franquista no Salnés.

3.No concello da Pobra de Brollón botouse este ano unha moción para reparar a figura do alcalde agrarista afusilado en 1936 (avó incluso do propio Secretario actual do Concello). O Partido Popular abstívose.

Por culpa de non contar cunha dereita europea, todos sabemos que nas Comunidades Autónomas gobernadas polo Partido Popular non haberá unha soa axuda para traballar na reparación das vítimas do franquismo. A maiores diso, o propio Goberno socialista desmárcase do tema por oportunismo político. Este panorama esténdese ás propias institucións, coma o CSIC, no que son os investigadores a título persoal os que colaboran nesas tarefas. A consecuencia de todo isto é que é a propia sociedade civil a que está dando un exemplo de dignidade. Como deixou escrito Manuel Rivas, cada voluntario da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica traballa máis pola xustiza ca todo un Estado.

Que queda por facer neste campo?

Queda todo por facer. Hai pouco un parlamentario do PP recriminou que as esquerda "quería investigar o pasado" (sic). Iso si, non dixo nada de pechar as facultades de Historia deste país, que sería o lóxico seguindo a súa recriminación. Habería que condanar dunha vez por todas a ditadura franquista no Parlamento. Habería que cambiar a perspectiva de moitos científicos sociais. Eu teño escoitado nun congreso de historiadores contemporaneístas auténticas diatribas contra o traballo das asociacións de recuperación da memoria histórica, con declaracións do estilo "a sociedade non pode marcar a axenda da investigación". Habería que apoiar, dende a Academia e a Administración, o traballo de exhumación de foxas, como acontece noutras Comunidades Autónomas.

E poderase facer?

Todo é unha cuestión de vontade política. Mentres o PP de Madrid marque a axenda, todo quedará en mans da sociedade e de investigadores a título persoal.

Vostede tamén codirixiu as escavacións da Lanzada este verán. Cóntenos que atoparon alí?

No blog www.lanzadawordpress.com podedes seguir o proxecto, dirixido por Rafael Rodríguez Martínez. Resumindo moito, reescavamos unha área do Campo da Lanzada intervida no seu día por Filgueira Valverde, Blanco Freijeiro e García Alén cuns resultados abraiantes.

Documentamos un recinto arquitectónico monumental en pleno uso no século II a. C. con cabanas, muros de contención e instalacións industriais adicadas ao procesado de produtos mariños. O achado é revolucionario porque troca a visión das comunidades castrexas das Rías Baixas. Dunha perspectiva case colonial das dinámicas comerciais entre castrexos e cartaxineses, pasamos a constatar un rol activo nestes intercambios até o punto de ser factible a existencia dun centro de explotación destas características anterior á chegada de Roma. Outros aspectos salientables da escavación son a longa ocupación rexistrada (dende o século IV a.C até o século VII d. C), o excelente estado de conservación dos restos e a posibilidade de reconstruír os ciclos comerciais de época romana a partir do rexistro exhumado.

Servirá iso para redefinir a historia da zona? A divulgación e publicación en tempo real da nosa escavación arqueolóxica revirte nun mellor coñecemento dun xacemento do que se deron a coñecer datos parciais, procedentes de intervencións de diferentes épocas. Xa só por iso, poderemos profundizar máis nas dinámicas sociais vividas no Salnés entre a Idade do Ferro e a Tardo Antigüidade.

A vista da súa experiencia, cales son os retos da arqueoloxia galega?

Por este orde:

1. A actualización da Arqueoloxía universitaria que permita a pervivencia da disciplina nos programas de estudo, algo que está por ver.

2. Adopción e aplicación de códigos éticos no traballo arqueolóxico profesional.

3. Necesaria reflexión teórica sobre a nosa disciplina que permita achegas integrais á Xestión do Patrimonio.

4. Transparencia informativa ao traballar en proxectos financiados con fondos públicos.

5. Traballar na concienciación patrimonial da sociedade, achegar o que facemos á cidadanía e xerar espírito crítico na xente a partir do estudo dun pasado que, ante todo, é presente.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.