O último episodio, vivido onte mesmo, 27 de xuño de 2014, marca o punto de non retorno na deriva criminal da UE: porque onte, após meses de violencia neonazi, Durão Barroso e van Rompuy asinaban con Petro Poroshenko — o actual presidente títere na Ucraína — un acordo de libre comercio preferente que, en pouco tempo, pode terminar introducindo o país eslavo na UE. O imperialismo dá, desta maneira, máis un paso: xa non derruba gobernos lonxe de sí, senón que pasa xa á fase de os integrar nas súas estruturas oligárquicas centrais.
Contra esta evolución, contra os crimes fascistas na Ucraína e contra a agresión ininterrompida ás Repúblicas Populares de Donetsk e Lugansk, desde Mar de Lumes organizamos unha xornada antifascista que tiña como obxectivo non só visibilizar a situación, senón tamén explicala e, en todo caso, enviar a nosa solidariedade desde a Galiza para quen sofre a persecución deste novo surto fascista e paramilitar. Militantes antifascistas e antiimperialistas e simpatizantes denunciamos en Pontevedra esta situación cunha concentración pública, realizamos un xantar de confraternidade en Moaña e asistimos a unha palestra sobre a situación actual, as súas orixes e as súas derivadas no complexo taboleiro da xeoestratexia nesa parte do mundo. A conclusión á que chegamos non podía ser outra:
Non ao fascismo na Ucraína!
Non pasarán!