Foto: Jose Antonio González Pacheco, "Billy El Niño".
Isto débese a que a mal chamada "transición democrática" (que segue a ser un proceso non rematado) non fai máis que asegurar a pervivencia dun sistema criminal que se sustenta na represión e a tortura. Dende aquela houbo milleiros de intentos de abrir un proceso legal contra o franquismo e os seus responsables, pero todos e cada un dos gobernos bloqueáronos escudándose na Lei de Amnistía de 1977, que non respecta os principios nin os tratados internacionais de defensa dos dereitos humanos.
Os crimes de lesa humanidade, como os do rexime franquista, non prescriben e ademais deben apoiarse en tres principios: xustiza, verdade e reparación, que nunca foron respectados en torno a este tema. Por iso Arxentina, lexitima e legalmente, abriu un proceso que pretende condenar aos reponsables da ditadura franquista, conseguir que se bote luz sobre o sucedido e que as vítimas sexan reparadas dunha vez. A día de hoxe a xuíza arxentina Maria Servini ditou orde de detención internacional contra catro torturadores do franquismo: Jesús Muñecas Aguilar, Celso Galván Abascal, José Ignacio Giralte González e José Antonio Fernández Pacheco, alias "Billy el Niño".
Dende ECOAR))), manifestamos o noso apoio a todos os procesos que, como o agora aberto no exterior dende Arxentina polos feitos da ditadura española, investiguen e xulguen os crimes do fascismo. Amosamos a nosa máis rotunda condena ao rexime ditatorial español e esiximos que dunha vez por todas se abra tamén no estado español un proceso que pivote sobre os principios de xustiza, verdade e reparación. Ademais, condenamos e denunciamos tanto a continuidade deste tipo de prácticas criminais máis aló da Lei de Amnistia do 77 (tal e como indica o compañeiro Francisco Rodríguez Veloso, torturado no 1978 por Jose Antonio Fernández Pacheco, alias "Billy el Niño") como a complicidade do goberno español cos responsables franquistas aos que segue dando amparo legal, incluso incumprindo a súa propia lexislación.