1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

henriquetorresGaliza - Sermos Galiza - [Beti Vázquez] Entrevistamos Henrique Torres Fernández, membro da Coordenadora nacional en funcións da organización independentista Causa Galiza.


A plataforma independentista Causa Galiza viu mermada hai un ano a razón de ser con que se constituira en 2007. Encetou entón un proceso constituínte dunha nova organización que se presentará en Compostela o 16 de marzo. 

Naceron “co obxectivo de aglutinar nunha única marca a todos os colectivos, persoas, organizacións políticas e sociais que defenden o dereito de autodeterminación do país". Así se presentaron o 11 de xullo de 2007. Entendo que o obxectivo non o dan por conseguido. Que escollos houbo?

Efetivamente. O obxetivo de estabelecer en 2007 unha especie de frente que incluise axentes políticos e sociais e individualidades para contestar a reforma do Estatuto de Autonomia que se urdia na altura por parte de PP, PSOE e BNG só foi posíbel no período que vai daquel ano até 2012 e em datas puntuais.

Neste breve período a expectación externa sobre aquela unidade de acción de forzas sempre foi muito superior á cohesión que se vivia dentro, unha vez que os axentes políticos independentistas priorizaron sempre a sua propria estratexia e fortalecimento partidario por cima de calquera proceso ou perspectiva común.

A evolución posterior de organizacións como FPG, MpB ou FOG, agora comprometidas em alianzas coa esquerda española e coa Posición Luis Soto, ou a posición sustentada por Nós-UP, que na altura non recoñecia a centralidade da reivindicación nacional, evidencian porque no seu dia nom se pudo avanzar máis do que se fixo. 

Finalmente, a viraxe soberanista do BNG e a irrupción de AGE na esfera eleitoral e institucional tamén tiveron os seus efectos. A evolución do BNG e doutras fraccións face posicións independentistas débese á existencia histórica dun independentismo que mantivo a súa autonomía política e organizativa a respeito do propio BNG e nunca ocultou as súas reivindicacións estratéxicas sob as coartadas 'o pobo non entende' ou 'a fraca consciencia nacional do país impede facer unha reivindicación independentista explícita'.

Algún erro cometería tamén Causa Galiza...

O principal erro foi acreditar na viabilidade dun proceso en que se avanzaría, embora fose lentamente, face a reordenación do campo independentista e a construción dun proxeto político común. Isto, coa perspetiva de hoxe, é evidente que era un imposíbel. Os intereses e as contradicións internas das distintas tribos impuxéronse sempre ás necesidades do MLNG --Movemento de Liberación Nacional Galego-- e do país. 

Un segundo erro importante, xa na fase final de Causa Galiza, foi como xestionamos a participación na xestación do chamado Novo Proxecto Común, artellado por volta da figura de Xosé Manuel Beiras. Se ben é certo que nunca acreditamos na posibilidade de que o beirismo articulase un proxecto que ultrapasase os límites e deficiéncias do nacionalismo histórico, dos que fora parte fundamental, tamén debemos admitir que, chegado certo ponto do desenvolvemento deste proceso, acreditamos, erroneamente, nun proxecto que, sen ser realmente ruturista, integrase o independentismo.

Fala de dous acontecementos que se producen na fase final de Causa Galiza: o xiro do BNG após a asemblea de Amio e o Novo Proxecto Común. Que influencia tiveron na foto-finish?

A viraxe soberanista do BNG fendeu, polo menos simbolicamente, esa polaridade simple entre independentistas e nacionalistas estatutistas. Por súa parte, a irrupción do fenómeno AGE evidenciou a fraca consistencia ideolóxica de moitas persoas e organizacións que, tempo antes, avalaran o proxecto de construir uha alternativa independentista e ruturista ampla. 

Mais, que leitura fai de ambos os dous acontecementos?

A respeito da viraxe soberanista, que achamos positiva, mantemos moita prudencia á hora de valorizala: o BNG aínda non puxo sobre a mesa outra estratexia que ultrapase a práctica de tratar de reverter en presenza institucional a combinación de radicalización do seu discurso e incremento da presenza nas luitas sociais. Preocúpanos que esa viraxe apenas sexa un movemiento táctico para reagrupar o nacionalismo reformista e asimilar parte do independentismo minoritario.

A respeito do Novo Proxecto Común, ou beirismo, a nosa visión é ainda máis crítica: se Beiras afirmar no seu dia que o nacionalismo actuaba como encoro de contención da conflituosidade nacional, a súa evolución demontra que foi incapaz de ir alén do coñecido e non só, xa que involucionou sobre as posicións nacionalistas históricas, resucitando e lavando a cara á esquerda española na Galiza, minimizando a centralidade da reivindicación soberanista e apostando nun ruturismo circense que se apoia principalmente na presenza institucional e o mesianismo.

Que pode achegar o independentismo histórico ao cenario soberanista que vén de describir?

Historicamente, o independentismo, á marxe da súa fortaleza cuantitativa en cada momento, xoga o papel dunha referencia estratexica firme. Ese independentismo mantivo os seus obxectivos estratéxicos no medio dunha forte represión, en contextos de direitización xeral do mapa nacionalista e cando moitas organizacións trocabam a súa estratexia polo prato de lentellas do 'alargamento do teito competencial'. 

O cenário soberanista actual mudou profundamente nos últimos dous anos. As novas alianzas eleitorais da forza hexemónica nacionalista --fala do BNG-- con forzas independentistas e ruturistas como Bildu e CUP, embora son apresentadas como a proba do algodón da fiabilidade da viraxe independentista e apontam na dirección positiva, tampouco resolven a dúbida sobre unha mudanza que estivo moi condicionada pola implosión do bipartido autonómico e o game over da estratéxia quintanista que asumira a dirección, pola irrupción de AGE desputando a hegemonia tradicional do BNG e pola necesidade de o Bloque evitar neste contexto de crise da política representativa a homologación com forzas institucionalistas en caída libre. 

Por outra parte, está a problemática da división dos sectores independentistas organizados á marxe do BNG --Nós-UP e o independentismo histórico-- que, embora está fundamentada en feitos, é de difícil comprensión para a maioría da masa social independentista. 

Concrete, faga favor. Cal é a funcionalidade da organización que se está a constituír?

Acho que son varias. O desenvolvemento dunha liña política e unha estratexia independentista libre dos lastres e condicionamentos do esquerdismo ideoloxista e sectario, das vanguardas auto-proclamadas e da dependencia institucionalista e a corrección política que afoga o nacionalismo maioritário.

Aliás, achegamos unha experiencia histórica de non-conciliación con España que é hoxe máis necesaria do que sempre. E, por último, a inexistencia de dependencias e ataduras co stablishment  institucional, facendo unha aposta explícita na auto-organización. Cómpre un proxecto que formule con claridade unha estratexia de confrontamento co Estado para salvar o país.

Desde a creación da Coordenadora Constituínte até hoxe pasou un ano. Que fixeron neste tempo?

Foron meses e meses de debate, reunións, discusións, realización de contatos... por todo o pais. As frustracións acumuladas na tentativa de articular politicamente o independentismo e a desmotivación que provocou son esenciais para explicar a lentitude con que se desenvolveu o proceso. O caminho foi máis longo do aguardado mais, á vista de experiencias pasadas, achamos que é mellor desenvolvelo amodo. 

Que queda por facer?

A respeito do processo constituínte xa estamos na recta final, que rematará o 16 de Marzo coa asemblea constitutiva da nova organización en Compostela. A respeito do país, está case todo por facer e o momento actual contén moitas oportunidades para o avance independentista se sabemos superar dinámicas de traballo erróneas e motivar centenas de independentistas desilusionados do traballo político.

 

Foto: Sermos Galiza

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.