A iniciativa, promovida por ECOAR))), pretende protexer e recuperar o patrimonio cultural, histórico, artístico e natural da comunidade actualmente ameazado por procesos especulativos, así como dignificar a memoria colectiva e as diferentes persoas que o constrúen e o habitan. A campaña terá como protagonistas, nesta primeira fase, o Barrio do Cura e a Panificadora de Vigo, dous referentes da cidade que actualmente son vítimas do abandono, o deterioro e o afán de lucro.
Así, a campaña Recuperar os Barrios ten como obxectivos:
-Denunciar e actuar contra os procesos de especulación urbanística.
-Sensibilizar á sociedade dunha comunidade determinada da perda global (non só física) que supón a destrución do seu patrimonio.
-Revalorizar o patrimonio "esquecido" das comunidades.
-Ofrecer alternativas sobre as que recuperar o patrimonio ameazado.
-Dinamizar con iniciativas e accións participativo-reflexivas e críticas os espazos denunciados.
Deste xeito, a campaña, a maiores do proceso de sensibilización e visibilización cidadá que se pretende acadar, pon en marcha unha serie de actividades, artelladas para a consecución destes obxectivos. Entre elas, destaca o roteiro guiado polo Barrio do Cura que terá lugar o vindeiro venres 3 de outubro, ás 19:30h., partindo desde a Oliveira de Vigo. Este roteiro, por suposto aberto á cidadanía, pretende amosar ás persoas asistentes os tesouros patrimoniais ocultos (ou mellor dito, silenciados) neste barrio, así como as súas posibilidades, deixando tamén claro cales son os plans previstos para o futuro e as consecuencias que este proceso de especulación no que se atopa poderían ter, no tocante á perda de patrimonio, empeoramento da calidade de vida da veciñanza e eliminación de zonas verdes.
Co obxectivo de facilitar toda a información precisa sobre esta campaña, ECOAR))) lanza hoxe unha páxina web, www.recuperarosbarrios.eu, na que, ademais da información de partida da campaña (breve historia do Barrio do Cura e a Panificadora, imaxes, vídeos, etc.), se irán pendurando todas as noticias relativas á mesma, así como información actualizada sobre todas as actividades levadas a cabo, e os avances da campaña.
ECOAR))) lanza tamén unha campaña de recollida de sinaturas, que permitirá ás persoas asinantes adherirse a unha carta de repulsa cara o Plan Especial de Reforma Interior do Barrio do Cura, e na que se esixe, ademais, un cambio de modelo que aposte pola conservación e a rehabilitación dos espazos, por unha economía sostible baseada no pequeno comercio e o consumo responsable, e sobre todo, polas persoas, a memoria, os dereitos e a dignidade. As follas de sinaturas estarán dispoñibles tanto na páxina web de Recuperar os Barrios, en versión dixital, como nas distintas actividades complementarias e espazos afíns, nos que a cidadanía poderá asinar en copias impresas. A carta estará tamén dispoñible tanto na páxina web como nos lugares nos que sexa posible asinar, el formato físico.